Galicia acolle por primeira vez a comisión executiva do Centro Nacional de Referencia de fomento do Software Libre
Con motivo deste evento celebrarase a Xornada de Presentación do Programa de Mellora da Competitividade para Empresas TIC
A Comunidade incorporouse o pasado mes de febreiro ao CENATIC, entidade que toma as decisións estratéxicas para o fomento do software libre a nivel estatal
O Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en Fontes Abertas (CENATIC) celebra o vindeiro mércores a súa Comisión Executiva en Galicia por primeira vez, despois de que a Comunidade se incorporara a esta entidade o pasado mes de febreiro. Con motivo desta xuntanza a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia en colaboración co CENATIC organiza unha xornada técnica para presentar o Programa de Mellora da Competitividade para Empresas TIC, que terá lugar ese mesmo día no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura e aberta ao público.
Esta xornada reunirá a empresas e profesionais do sector TIC de Galicia que desenvolven a súa actividade en diferentes áreas de actuación, tales como hardware, desenvolvemento de aplicacións e prestación de servizos TIC, así como formación de carácter tecnolóxico.
O obxectivo da sesión é mostrar o Ecosistema de Competitividade desenvolvido por CENATIC para empresas TIC, que inclúe tres liñas de actuación, Metodoloxía de Compatibilidade de Hardware; Modelo de Mellora de Empresas e Modelo de Capacitación Certificada.
Programa
Tras a inauguración da xornada pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira Álvarez, o director xerente de CENATIC, Miguel Jaque, e o director xeral de red.es, Carlos Cano, presentarase o Programa de Mellora da Competitividade para Empresas TIC.
A continuación, o subdirector xeral de Sistemas Informáticos da Consellería de Educación, Carlos Vázquez, presentará o proxecto Abalar, que achega as TIC a máis de 31.500 alumnos de primaria e secundaria cun entorno integramente baseado en Software Libre.
Para concluír, o xerente da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, Luís Alberto Fernández, presentará as posibilidades que abre o Software Libre para permitir a internacionalización e exportación do coñecemento en base a casos de éxito de empresas galegas que traballan con Software Libre.
Os interesados en asistir a esta xornada deben confirmar asistencia na dirección de mailocfloss@xunta.es.