Función Pública unifica nun sistema electrónico a xestión dos recursos humanos para axilizar os 38.000 movementos anuais

Domingo 05 de Decembro de 2010

Función Pública unifica nun sistema electrónico a xestión dos recursos humanos para axilizar os 38.000 movementos anuais

O modelo comezará a implantarse a principios de ano

Permite a localización exacta en tempo real de todos efectivos e reduce as cargas de traballo

Desta maneira as listas de contratación temporal estarán sempre perfectamente actualizadas

Posibilitará tamén a creación do expediente administrativo único

A Dirección Xeral da Función Pública, dependente da Consellería de Facenda, en coordinación coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, implantará a comezos do vindeiro ano un novo sistema electrónico que permitirá axilizar os 38.000 movementos anuais que conleva a xestión dos recursos humanos da Xunta de Galicia.

Este módulo, denominado RCP-Matrhix, soportará todos os movementos de postos de persoal funcionario e laboral de forma unificada nun único sistema de información. Con esta implantación, eliminaranse as distintas aplicacións que ata este momento soportaban a xestión de persoas nas distintas consellerías e posibilitará tamén a creación do expediente administrativo electrónico único.

Este sistema, conxuntamente con outros que se foron implantando desde principios de ano, posibilitan a localización exacta, en tempo real, de todos os efectivos en materia de recursos humanos, mellorando a información dispoñible e reducindo cargas de traballo noutros departamentos da Xunta.

Como melloras en procesos concretos o módulo posibilitará que as listas de contratación temporal estean sempre correctamente actualizadas cada vez que un efectivo cese; así como que a xeración e control de vacantes presentes no sistema sexan sempre correctas.

Correcta xestión dos concursos de traslados

O director xeral da Función Pública, José María Barreiro, salientou que esta información resulta necesaria para garantir a correcta xestión dos concursos de traslados, actos de elección de destino, reingresos e demais situacións administrativas.

O sistema soportará un volume de máis de 500 xestores de persoal, axilizando máis de 38.000 movementos de ocupación ao longo de todo o ano, e permitirá xerar tanto as entradas electrónicas como todos os documentos asociados a cada un destes movementos.

Este novo módulo está estudado para solicitar a mínima información necesaria para a realización de cada movemento, analizando a situación actual da persoa e consultando se ten algunha resolución pendente de aplicación, permitindo a aplicación automática destas resolucións pendentes.

Toda a información xerada polo sistema, como movementos de ocupación, tomas de posesión e cese, contratos, etc.. estará a disposición dos administrados no novo Portal do empregado, denominado PortaX.

Este sistema de xestión supón un paso máis na implantación dunha Administración autonómica moderna co obxectivo de acadar un servizo máis áxil, eficiente e próxima ao cidadán.