Francisco López aposta por “enlazar as novas e as vellas tecnoloxías para o desenvolvemento das industrias culturais”
O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, presidiu hoxe á presentación da Plataforma de Contidos Dixitais Meubook, onde destacou que “o desenvolvemento da industria cultural é un obxectivo fundamental da nosa política, a súa adaptación e modernización é un requisito de continuidade”
Meubook é un portal web que oferta os seus servizos electrónicos a centros de formación, editores, autores, librarías e usuarios, centrándose principalmente na recompilación, actualización e intercambio de contidos. Outra das novidades que ofrece é o ‘libro a demanda’, unha función de impresión de libros de baixo custo
O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, presidiu hoxe á presentación da Plataforma de Contidos Dixitais Meubook, a que cualificou como unha iniciativa empresarial que “aposta por enlazar as novas e as vellas tecnoloxías, a longa historia do libro e da cultura impresa co novo mundo recén descuberto do dixital”. Neste liña, o director xeral destacou que o desenvolvemento da industria cultural é “un obxectivo fundamental da nosa política, e a súa adaptación e modernización é un requisito de continuidade”.
O portal Meubook oferta os seus servizos electrónicos a centros de formación, editores, autores, librarías e usuarios, centrándose principalmente na recompilación, actualización e intercambio de contidos. Outro dos servizos estreas de Meubook é o denominado ‘libro a demanda’, unha función de impresión de libros de baixo custo, onde as editoriais, a partir do libro electrónico, imprimen só os libros que lles demandan, cunha técnica de impresión diferente a tradicional e que se realiza ao momento.
O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, explicou que nos tempos actuais, “estamos asistindo a asentamentos definitivos de novas formas de ler, de mirar, de escoitar, de disfrutar da cultura e de acceder á información e o entretemento”. Neste sentido, Francisco López dixo que “non sabemos aínda como, con que soporte ou a través de que medio achegarase á estabilidade tecnolóxica, pero todos sentimos que estamos a vivir unha época de rápidos cambios que vai terminar coa aparición dun novo entorno de relacións e de acceso á cultura”.
Francisco López, incidiu en que o mundo dos contidos ten que renovarse, asegurando que os editores, libreiros, autores, tradutores, iniciativas privadas e iniciativas empresariais galegas “se están adaptando con entusiasmo e vontade profunda de traballo, como facedes coa presentación de hoxe, enfróntase a este novo desafío que enriquece e da novas posibilidades ó mundo do libro e da cultura”.
O director xeral, asegurou que “a tecnoloxía sen contidos é un mundo baleiro, porque o éxito de calquera nova aposta vai estar sobre todo nas posibilidades reais dos usuarios a acceder a un amplo, rico, variado e continuamente en crecemento catálogo de fondos e servizos”. Francisco López aclarou que, “non se trata so de sobrevivir, trátase polo contrario de medrar, de ofrecer novos servizos para acadar novos usuarios, trátase de investir en proxectos, en ilusións, en esforzos, para obter, algún día o premio do recoñecemento social e, porque non, da rendabilidade e sostenibilidade económica”.
Doutra banda, o director xeral predixo “unha longa convivencia entre o libro dixital e o libro impreso”, e explicou que tamén se contempla o aproveitamento dos entornos dixitais para produtos finais de soporte en papel, o denominado “libro baixo demanda”. Este é un libro con formato tradicional producido a petición do interesado dun catálogo que inclúe libros patrimoniais e títulos actuais e que segundo o director xeral, “podería incluír algún día practicamente todo canto se publica no mercado editorial tradicional”.
En relación coa era dixital, Francisco López, asegurou que tamén se aposta por un “futuro diferente”, cun libro electrónico para lectura en pantalla, cunha oferta de servizos de enriquecemento xa introducidos nos hábitos sociais a través da web 2, módulos para encontros e congresos con áreas públicas e privadas, xestión de informacións e textos e desenvolvemento de servizos e posibilidades de foros e redes sociais.
O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, afirmou que en todas estas cuestións, a Consellería de Cultura e Turismo, “ten nisto un papel fundamental e paralelo, que respectando o carácter empresarial e comercial das empresas culturais saiba enlazar, difundir, apoiar, estruturar en torno as nosas ofertas e políticas liñas de conexión cos entornos de produción de novos contidos”. “Un traballo compartido que teña como obxectivo final e común para todos o de difundir a nosa cultura entre o público xeral e a cultura xeral do noso público”, engadiu.
Meubook para todos
A plataforma Meubook tamén ofrece diferentes servizos a centros de formación, editores, autores, librarías e público en xeral. Meubook ofrece aos centros escolares a posibilidade de crear sites propios para o intercambio de información, así como a xestión de comunidades e a edición a demanda de informes, traballos, estudos de casos e outras publicacións.Para os editores ofréceselle novas ferramentas o seu negocio, a través dun espazo web propio con perfil diferenciado, pasadeiras de comercio electrónico, de impresión a demanda, personalización dos seus títulos e de edición en formatos electrónicos.
Asemade, Meubook pon a disposición dos autores ferramentas innovadoras para a elaboración albumes fotográficos, contos personalizados e outros produtos singularizados. Os usuarios do módulo de autopublicación teñen a oportunidade de incorporarse á librería cun perfil propio de autor-editor. Existe tamén, unha rede social que informará as librerías das tendencias do mercado e os gustos do público, que canalizará a información, comentarios, novidades e presentacións. As librarías dispoñen dun espazo propio e da posibilidade de xestionar a venda de facsímiles e produtos personalizados.
Esta plataforma dixital ofrece aos usuarios un variado catálogo de contidos en liña, en formato físico e en formato dixital. Unha base de datos relacional e un potente motor de busca permiten acceder e manexar o catálogo unificado de produtos e cliente.