Finaliza con éxito o curso de alfabetización informacional que acolleu o Telecentro de Comunicación da Facultade de Xornalismo

Xoves 04 de Marzo de 2010

Finaliza con éxito o curso de alfabetización informacional que acolleu o Telecentro de Comunicación da Facultade de Xornalismo

Esta actividade, na que participaron 20 persoas, enmárcase no Plan de Formación para o Persoal de Administración e Servizos da USC.

O curso de alfabetización informacional nas bibliotecas universitarias que acolleu esta semana o Telecentro de Comunicación (TC) da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago finalizou hoxe, xoves, cun grande éxito de participación, superando o número de solicitantes, con moito, ás 20 prazas ofertadas.

O curso, que se celebrou o martes e o mércores desta semana en horario de 12:00 a 15:00 e de 17:00 a 19:30 horas, e hoxe de 11:00 a 15:00, estivo dirixido ao persoal bibliotecario da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e enmárcase no Plan de Formación para o Persoal de Administración e Servizos (PAS) da institución universitaria.

A subdirectora de Servizos da Universidade da Laguna, Carmen Julia Hernández, foi a encargada de impartir os contidos deste curso, que tivo como obxectivo dar a coñecer con máis profundidade a filosofía da Alfabetización Informacional e concienciar sobre a necesidade de incorporar competencias en información ao ensino universitario.

A alfabetización informacional consiste en adquirir a capacidade de saber cando e por que se necesita información, onde atopala e como avaliala, utilizala e comunicala. A diferencia da formación de usuarios tradicionalmente realizada polas bibliotecas, a alfabetización informacional non se limita a preparar ao usuario para usar os servizos dunha institución, nin pretende que este se adapte a uns criterios técnicos ou organizativos, senón que aspira a incluír competencias non traballadas usualmente na formación de usuarios, como a avaliación dos recursos, a comprensión, a utilización e a comunicación da información. 

Esta actividade formativa segue a liña das iniciativas do Centro Multimedia de Galicia (http://ww.cmg.xunta.es) para contribuír á formación de futuros profesionais e potenciar o sector audiovisual e multimedia galegos.

Os Telecentros de Comunicación

Un Telecentro de Comunicación é un espazo duns 100 metros cadrados que dispón de material informático (ordenadores, impresoras...), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma e sistemas de control, entre outros equipamentos que permiten recrear diferentes escenarios, segundo as necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver.