Fernández Currás sitúa a Galicia como paradigma da eficacia da política rexional europea
Salienta que a comunidade está en condicións de culminar o seu proceso de converxencia económica
Aposta por unha política comunitaria forte e cercana ao cidadán como instrumento para o desenvolvemento e progreso territorial
A conselleira de Facenda recibiu unha delegación brasileira formada por cinco membros das meso-rexións de Alto Simoneo, Vale do Rio Acre e Gran Fronteira Mercorsur
A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, situou a Galicia como “paradigma da eficacia da política rexional europea” e subliñou que “co concurso de instrumentos estatais e comunitarios a comunidade está actualmente en condicións de culminar o seu proceso de converxencia económica e integración cidadana”.
Neste contexto, sinalou que a Comunidade galega debe incorporarse a “un modelo intelixente de desenvolvemento baseado no coñecemento, a competitividade e a creatividade e converterse nunha rexión capaz de contribuír á construción dunha Europa substentable”, capaz de preservar o entorno como fonte de riqueza e valiosa herdanza económica e cultural para as xeracións futuras.
Así o expresou no acto de benvida á delegación formada por cinco membros pertencentes ás meso-rexións de Alto Simoneo, Vale do Rio Acre e Gran Fronteira Mercorsur, que escolleu visitar Galicia pola súa experiencia e boa práctica na xestión dos programas europeos de cooperación territorial.
Fernández Currás apostou por unha política rexional forte e cercana ao cidadán como instrumento para o desenvolvemento e progreso territorial. “Non hai política de crecemento sen recursos suficientes, nin política de desenvolvemento sen axentes comprometidos”, sinalou
A comitiva sudamericana estará en Galicia hoxe e mañá co fin de intercambiar información e práctica en materia de política de cohesión europea e coñecerá in situ proxectos de cooperación transfronteiriza na zona Galicia-Norte de Portugal.
Área de Cooperación Galicia-Norte de Portugal
Marta Fernández Currás tamén salientou que Galicia xa forma parte da Área de Cooperación Galicia-Norte de Portugal, integrada no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, que alcanza unha programación comunitaria de 54,1 millóns de euros. “O investimento total en ambos lados fronteirizos para o período 2007-2013 ascende aos 97 millóns de euros” sinalou.
Entre as actuacións transfronteirizas que se levan a cabo actualmente nesta Área de Cooperación, a conselleira indicou a cooperación no ámbito do mar; a internacionalización das pemes da Eurorexión coa promoción da innovación e da competitividade; a protección ambiental e o desenvolvemento urbano sostible; e o fomento da cooperación e integración social e institucional.