Fernández Currás salienta o liderado da Xunta co rexistro electrónico de facturas para evitar que as empresas pechen por retrasos no pagamento
A conselleira de Facenda subliña que o rexistro electrónico “está funcionado á perfección” e xa permite aos provedores da Administración cobrar en 45 días. Afirma que o Goberno galego “quere aportar transparencia”, polo que cada provedor poderá coñecer o estado no que se atopan as súas facturas.
Avanza que nuns meses tamén estará en marcha o sistema de licitación electrónica.
A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, salientou hoxe o liderado da Xunta de Galicia en España no pago aos seus provedores en 45 días grazas á posta en marcha do rexistro electrónico de facturas, “que se está implantando de maneira progresiva e que está funcionando á perfección”.
Na súa intervención nunha xornada organizada pola Plataforma Multisectorial Contra a Morosidade e a Plataforma Galega de Asociacións Provedoras da Construción, Fernández Currás indicou que o Goberno galego “non quere que pechen máis empresas por culpa de retrasos o falta de pagos por parte das administracións”, polo que puxo ao seu servizo esta ferramenta.
A titular de Facenda asegurou ser consciente de que nun momento de crise como o actual “a liquidez constitúe unha grave dificultade para as empresas, especialmente para as pemes”, e reiterou que o rexistro electrónico de facturas posibilitará mellorar as vías de contratación entre a administración e as empresas.
Así, explicou que esta ferramenta non só permite simplificar trámites e reducir custes de xestión, senón que tamén “reducir o tempo de pagamento aos provedores a un máximo de 45 días, 15 menos que o prazo legal”.
Marta Fernández Currás indicou que a Xunta, como “administración seria, rigorosa, cumpridora nos pagos, fiable, eficaz e cercana aos cidadáns, presta máis servizos e de calidade”. Neste senso, sinalou que o sistema de facturación electrónica non se queda en rexistrar a data de entrada dunha factura, senón que conta cun portal que centraliza e trata de maneira uniforme todas as emitidas polos distintos provedores para conseguir unha xestión máis rápida e eficaz.
Aportar transparencia
A conselleira resaltou que a Xunta “quere aportar transparencia”, polo que cada provedor poderá coñecer o estado no que se atopan as súas facturas e lembrou que está en marcha unha campaña de formación, tanto interna como externa, para que os usuarios coñezan á perfección o funcionamento deste sistema.
A intención é conseguir catro retos como son un mellor servizo a cidadáns e empresas, menores custes, mellorar a liquidez das empresas e unha xestión moderna, rápida e eficaz. “Xa iniciamos o camiño, pero non nos imos deter en acadar esa administración áxil, moderna y cercana que demandan os cidadáns e as empresas do Século XXI”, apuntou Fernández Currás.
Así, avanzou que nuns meses Facenda “porá en marcha tamén o sistema de licitación electrónica”, que permitirá realizar a través de internet todos os trámites que debe levar a cabo unha empresa que desexe facer licitacións a concursos da Xunta, así como o seguimento e resolución por parte da administración.