Feijóo subliña que o Goberno galego “segue dando cumprimento á cobertura de internet” e avanza a mobilización dun orzamento de 64 millóns de euros para estendela a máis de 11.000 núcleos do rural
Resalta que o adxudicatario desta iniciativa é, a través dun concurso en concorrencia competitiva, a compañía Telefónica
Subliña que a compañía adxudicataria se compromete a mellorar a cobertura de telefonía móbil nos grandes eixos de comunicación de Galicia -autoestradas, autovías- e a mellorar a cobertura de telefonía móbil, tamén, nas grandes vilas e nas grandes cidades
Lembra que 2011 se pechará con 421.000 galegos que se incorporan á tecnoloxía internet; “o Plan permite que no ano 2011 esteamos no 87,3% de cobertura de internet”
Afirma que o Goberno galego leva investido, no que vai de lexislatura, neste proxecto 247 millóns de euros
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, este mediodía, na rolda de prensa do Consello, a aprobación dun orzamento de 64 millóns de euros, entre as aportacións públicas e as aportacións privadas, “para que 250.000 galegos que non teñen internet o teñan a partir de agora”. “Seguimos –dixo- dando cumprimento á cobertura de internet co obxectivo de que o 94% dos galegos teñan internet, acceso a banda larga, en 2013. E, hoxe, comprometémonos a estender internet a máis de 11.000 núcleos do rural que non o tiñan”.
Feijóo retirou así que o acceso a internet do 100% dos galegos segue sendo un obxectivo a pesares da crise económica. E lembrou que, desde un principio, se está traballando en dúas claves: “por un lado, ir cubrindo os baleiros tecnolóxicos, é dicir, as zonas sombra do territorio onde non hai acceso a internet; e, polo outro, incentivando o investimento das operadoras de internet”.
Logo de resaltar que o adxudicatario é, a través dun concurso en concorrencia competitiva, a compañía Telefónica, Feijóo explicou que “o impacto económico é de 64 millóns de euros: 15 millóns da Xunta de Galicia e 49 millóns de Telefónica”.
Así mesmo, incidiu en que Telefónica foi seleccionada por moitas razóns desde o punto de vista técnico e desde o punto de vista económico. “Desde o punto de vista técnico: completa cobertura no rural galego, está baseada na mellor tecnoloxía e a tecnoloxía máis punteira do mundo, tecnoloxía 3G na banda de frecuencias de 900 MHz o que permitirá servizo de banda larga en mobilidade, a tecnoloxía móbil 3G, e cun beneficio de capacidade de ir aumentando progresivamente a velocidade de acceso a internet”.
No caso de Galicia, Feijóo afirmou que todas estas vantaxes veranse incrementadas coas novas autorizacións administrativas para utilizar a banda de 900 MHz coa rede 3G. “Por tanto, vamos a completar non só o acceso a redes con mellores estándares de velocidade e de calidade e de cobertura dispoñibles no mercado senón que vamos, tamén, a aproveitar este compromiso para incrementar a cobertura de telefonía móbil en Galicia que é en moitas zonas moi deficiente”, engadiu.
Feijóo avanzou que a compañía se compromete e se obriga co Goberno e con Galicia a mellorar a cobertura de telefonía móbil nos grandes eixos de comunicación de Galicia -autoestradas, autovías- e a mellorar a cobertura de telefonía móbil, tamén, nas grandes vilas e nas grandes cidades. “Vamos, a partir de mañá, a tutelar este compromiso e a esixir que este compromiso tamén se cumpra”.
No marco dos compromisos adquiridos por Telefónica, Feijóo resaltou que a compañía propón un despregue da rede LTE na zona céntrica de Santiago, convertendo a capital galega na primeira cidade con cobertura completa con esta tecnoloxía.
A modo de balance, o presidente da Xunta lembrou que, desde mediados de 2010 ata agora, facilitouse a conexión a internet a 321.000 persoas que vivían en zonas sombra. “O ano 2011, o pecharemos con 421.000 galegos que se incorporan á tecnoloxía internet. O Plan permite que no ano 2011 esteamos, polo tanto, no 87,3% de cobertura de internet e, no ano 2013, chegaremos ao 94% dos galegos. O 6% restante necesitamos utilizar a tecnoloxía de satélite para cubrir o 100% da poboación galega”.
Feijóo concluíu subliñando que o Goberno galego leva investido, no que vai de lexislatura, neste proxecto 247 millóns de euros: “81 millóns capital público, 166 capital privado”.