Feijóo subliña que o futuro de Galicia está garantido “no traballo, esforzo, enxeño e concentración” dos mozos como os formados na Fundación Averhó

Xoves 13 de Xaneiro de 2011

Feijóo subliña que o futuro de Galicia está garantido “no traballo, esforzo, enxeño e concentración” dos mozos como os formados na Fundación Averhó

Resalta que “ningunha limitación supón un freo definitivo”, e sinala que ”nin ser mozos, nin ter algún tipo de discapacidade vos ten impedido ser traballadores, esforzados, enxeñosos e concentrados”

Asegura que para Galicia é esencial contar con persoas “que non teñan medo de traballar, de saber, de cuestionar e de innovar, como as que se atopan nesta fundación”

Salienta “o Plan para as Persoas con Discapacidade, un documento de consenso que aposta por darvos ferramentas en tódolos ámbitos que precisades e que suporá un investimento de 700 millóns euros ata o remate da lexislatura”

Lembra a importancia da Axenda Dixital de Galicia, “que mobilizará 1.600 millóns de euros para eliminar de forma definitiva a fenda desta terra en materia de tecnoloxía”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosou, este mediodía, na Apertura de Curso 2011 e Entrega de Diplomas 2010 da Fundación Averhó, o seu convencemento de que o futuro de Galicia está garantido “no traballo, esforzo, enxeño e concentración” dos mozos como os formados nesta institución. “As circunstancias actuais dinnos que o futuro require de polo menos catro requisitos fundamentais: traballo, esforzo, enxeño e concentración. Estando hoxe aquí con vós, só podo pensar que ese futuro –polo menos en Galicia- está garantido porque vós facedes ‘pleno ao 15‘ e cumprides os catro requisitos”, aseverou.

Para Feijóo o feito de ter chegado ata aquí, como altos especialistas nunha materia de tanto futuro como o audiovisual, e como a animación 3D, “proba que ningunha limitación supón un freo definitivo”. “Nin ser mozos, nin ter algún tipo de discapacidade vos ten impedido ser traballadores, esforzados, enxeñosos e concentrados”, salientou.

O responsable do Goberno galego asegurou que, neste momento, para Galicia é esencial contar con persoas “que non teñan medo de traballar, que non teñan medo de saber, que non teñan medo de cuestionar e que non teñan medo de innovar como as que se atopan nesta fundación”.

Para ilo, Núñez Feijóo salientou “o Plan para as Persoas con Discapacidade, un documento de consenso que aposta por darvos ferramentas en tódolos ámbitos que precisades e que suporá un investimento de 700 millóns euros ata o remate da lexislatura”. Ademais, lembrou a importancia da Axenda Dixital de Galicia, “que mobilizará 1.600 millóns de euros para eliminar de forma definitiva a fenda desta terra en materia de tecnoloxía”.

Neste contexto, o presidente da Xunta trasladoulle os seus “parabéns e ánimo” ao alumnado da Fundación Averhó, lembrándolles que “o coñecemento, as posibilidades de innovación, o desenvolvemento humano avanza a unha velocidade de vértigo” e obriga a “estar ao día das novidades”, preparándose “para ser útiles e competentes para servir”.

“Anímovos a seguir polo mesmo camiño que vos trouxo ata aquí: todo o que sabedes foi xa de utilidade e todo o que vos queda por aprender será vital para Galicia. Anímovos a seguir buscando referentes e a seguir sendo referente”, concluíu Feijóo.