Feijóo subliña que o futuro Centro de Proceso de Datos da Cidade da Cultura permitirá aforrar “máis de 3 millóns de euros ao ano” e fará da administración “unha porta aberta 24 horas ao día”
Resalta que o centro acadará unha redución “nun 50% do custo enerxético por metro cadrado do Centro de Proceso de Datos; nun 27% o gasto actual da factura eléctrica; nun 30% as necesidades de investimento en hardware e noutro 30% no mantemento das máquinas”
Sinala que se trata dunha infraestrutura “unificada, máis flexible, segura, e máis sinxela que dará servizo a 1.260 centros administrativos, a 1.400 centros educativos, a 600 centros sanitarios, a 322 entidades xudiciais e a 1.500 unidades de farmacia”
Apunta que estará ubicado no “edificio de Servizos Centrais, ocupando 2.000 metros cadrados, e nunha parte do Arquivo, ocupando outros 2.137 metros cadrados”
Anuncia un Plan Director que suporá “un salto fundamental” ao recoñecer que as áreas integradas en Rede Natura “non son unidades uniformes e, polo tanto, cada unha das integradas terá una consideración especial desde o punto de vista do plan de conservación e xestión da mesma”
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe que o futuro Centro de Proceso de Datos que se ubicará na Cidade da Cultura permitirá un aforro de “máis de tres millóns ao ano”. Así mesmo, Feijóo sinalou que nesta decisión conflúen outras tres “importantes aspiracións”: “Dotarnos de una plataforma tecnolóxica imprescindible para cumprir os compromisos da Axenda Dixital 2014.gal. Permitir que todo o equipo de tecnólogos da Xunta de Galicia estea ubicado alí. E ampliar a rendibilidade social da Cidade da Cultura”.
Núñez Feijóo afondou en cada un dos apartados, destacando, no plano económico, a redución “nun 50% do custo enerxético por metro cadrado do Centro de Proceso de Datos; nun 27% o gasto actual da factura eléctrica; nun 30% as necesidades de investimento en hardware e noutro 30% no mantemento das máquinas”. “E reduciremos –proseguiu- alugueres da Xunta de Galicia”.
Por outra banda, Feijóo resaltou, tamén, que o Centro de Procesos de Datos garantirá “os servizos públicos dixitais, facendo da administración unha porta aberta 24 horas, 365 días ao ano”, ao tempo que evitará “a dispersión, que produce gastos, custes e ineficiencias”. “A Xunta –explicou- dispón actualmente de 80 centros de proceso de datos dos que o 90% non teñen posibilidade de crecemento”.
“Vamos a intentar superar esta situación instalando un centro de procesos de datos nun edificio que se converterá no corazón dixital de Galicia. Unha infraestrutura unificada, máis flexible, segura, e máis sinxela que dará servizo a 1.260 centros administrativos, a 1.400 centros educativos, a 600 centros sanitarios, a 322 entidades xudiciais e a 1.500 unidades de farmacia”, apostilou.
Deste xeito, proseguiu Feijóo, o centro “dará servizo a 90.000 empregados públicos, que é a totalidade da administración autonómica”, e chegará case “á totalidade da poboación galega”. Ademais, acollerá ao persoal da Secretaría Xeral de Modernización, que “se trasladará á Cidade da Cultura”.
Para cumprir estes obxectivos, o Centro de Proceso de Datos ubicarase no “edificio de Servizos Centrais, ocupando 2.000 metros cadrados, e nunha parte do Arquivo, ocupando outros 2.137 metros cadrados”. “En consecuencia –concluíu Feijóo- ampliamos a utilidade e a rendabilidade da Cidade da Cultura mantendo o obxectivo de que sexa o lugar da cultura, da vangarda tecnolóxica, da comunidade autónoma galega”.
O Plan Director da Rede Natura 2000
Noutro orden de cosas, o presidente galego deu conta, tamén, do Plan Director da Rede Natura 2000, que regulará a xestión destes espazos protexidos. Neste sentido, Feijóo sinalou que Galicia precisa dun “instrumento básico de planificación para poder ordenar e xestionar Lugares de Importancia Comunitaria (LIC), e 16 lugares de especial protección (CEP)”. “En total –incidiu Feijóo- falamos de 400.000 hectáreas, o 12% do territorio da comunidade autónoma. Vamos a ordenalo buscando dous obxectivos: a súa protección efectiva e a armonización da conservación dos usos e aproveitamentos necesarios que garantan o desenrolo das poboacións asentadas na Rede Natura”.
Feijóo explicou que o mencionado Plan Director supón “un salto fundamental” ao recoñecer que as áreas integradas en Rede Natura “non son unidades uniformes e, polo tanto, cada unha das integradas terá una consideración especial desde o punto de vista do plan de conservación e xestión da mesma”.
Deste xeito, e segundo aclarou Feijóo, o plan establece tres unidades de zonificación: “Zona1, denominada Área de protección, cun valor de conservación moi alto. A Zona 2, chamada Área de conservación, cun valor de conservación alto e medio. E a Zona 3, Área de uso xeral, cun valor de conservación medio e baixo e territorio de asentamentos e núcleos rurais”.
“En definitiva –concluíu- vamos a poñer a disposición do análise e do contraste e o acordo, o primeiro Plan Director que garantirá a máxima protección necesaria e o desenrolo dos cidadáns que viven nestas áreas protexidas de acordo coas directivas europeas”.