Feijóo subliña que no vindeiro curso escolar un total de 60.000 estudantes galegos empregarán aulas dixitais, un 40% máis que na actualidade

Xoves 22 de Marzo de 2012

Feijóo subliña que no vindeiro curso escolar un total de 60.000 estudantes galegos empregarán aulas dixitais, un 40% máis que na actualidade

Apunta que desde a posta en marcha do Plan Abalar, 370 centros educativos e 1.465 aulas xa contan con ordenadores portátiles para o profesorado e con ordenadores ultraportátiles para os estudantes; ademais de dispor de armarios de carga, encerado dixital interactivo, proxector, rede wifi e servidores de centro

Precisa que, actualmente, 31.600 alumnos e alumnas están estudando a través de ordenadores ultraportátiles, e outros 12.000 benefícianse da instalación de 625 kits de aula dixital

Asegura que se trata dunha estratexia “ambiciosa” a nivel cuantitativo e cualitativo, e agradece o esforzo dos profesores que por primeira vez están dando os seus contidos en formato dixital

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que no vindeiro curso escolar 2012-2013 un total de 60.000 estudantes galegos empregarán aulas dixitais, o que suporá achegar as novas tecnoloxías a un 40% máis de alumnos e alumnas que actualmente cursan os seus estudos nos centros públicos de Galicia. “Imos seguir traballando para facer máis competitiva a educación pública e imos seguir apostando pola incorporación das novas tecnoloxías no ensino financiado con fondos públicos en Galicia”, remarcou Feijóo.

“Comezamos os trámites para a terceira fase do Plan Abalar de tal xeito que no vindeiro curso chegaremos a 44.000 alumnos e alumnas que darán clase en aulas completamente dixitais, aos que se sumarán ata 15.000 que contarán tamén con aulas con encerado e proxector dixital”, avanzou.

O mandatario galego apuntou que tras os dous primeiros anos da posta en marcha Plan Abalar, 370 centros educativos e 1.465 aulas xa contan con ordenadores portátiles para o profesorado e con ordenadores ultraportátiles para os alumnos e alumnas; ademais de dispor de armarios de carga, encerado dixital interactivo, proxector, rede wifi e servidores de centro.

Así, concretou que neste momento, na educación financiada con fondos públicos na comunidade autónoma, 31.600 alumnos están estudando a través de ordenadores ultraportátiles, e outros 12.000 benefícianse da instalación de 625 kits de aula dixital, que contan cun encerado dixital interactivo, un proxector e un ordenador portátil conectado a ambos os dous elementos. Polo tanto, actualmente un total de 43.000 estudantes manexan as novas tecnoloxías nas aulas.

Coa recente publicación da nova convocatoria para a adscrición de centros á rede Abalar o vindeiro curso 2012-2013, Feijóo precisou que se incorporarán ao proxecto outros 180 centros educativos, o que supón 450 novas aulas e 13.000 estudantes máis que se beneficiarán deste proxecto de dixitalización das aulas no ensino financiado con fondos públicos.

Ademais, apuntou que esta semana se están a instalar 157 novos kits de aula dixital en 98 centros educativos, co que se amplía ata 15.000 o número de estudantes beneficiados a través desta tecnoloxía parcial que se instala nas aulas.

Unha estratexia ambiciosa

Feijóo considerou que se trata dunha estratexia “ambiciosa, a nivel cuantitativo pero tamén a nivel cualitativo”. A nivel cuantitativo, puntualizou, porque “60.000 estudantes aproveitarán as vantaxes das novas tecnoloxías nas súas clases”, un 40% máis que no curso actual 2011-2012. E, desde punto de vista cualitativo, engadiu, porque supón “un salto completo cara ao centro educativo dixital”.

“Isto é o que pretendemos coa formación dos alumnos e alumnas pero, tamén, coa formación dos profesores no seo das novas tecnoloxías”, remarcou o titular da Xunta, que quixo agradecer “o esforzo que están facendo os profesores que, por primeira vez, están dando os seus contidos en formato dixital, que están substituíndo o libro polo ordenador e que están ensinando dunha forma novidosa que é substituír o formato en papel polo formato electrónico”, concluíu.