Feijóo subliña que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica agrupará baixo unha única dirección e ubicación a todos os tecnólogos da Xunta de Galicia e permitirá un aforro anual de 20 millóns de euros
Resalta que se trata dunha decisión “necesaria” porque agrupa nun único edificio da Cidade da Cultura as 86 localizacións actuais do persoal da Xunta dedicada a tecnoloxía e informática e unifica a toma de decisións
Salienta que esta Axencia agrupa baixo unha dirección 560 tecnólogos, suprimindo 15 organismos administrativos e conseguindo un aforro de espazo do 40%
“Estamos, en consecuencia cunha estimación de que no ano 2014 se teña reducido o custo por proxecto informático da Xunta de Galicia un 50%”, asegurou
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica agrupará baixo unha única dirección e ubicación a todos os tecnólogos informáticos da Administración Autonómica, e permitirá un aforro anual de 20 millóns de euros. Así o dixo o xefe do Goberno galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que hoxe adoptou esta decisión como “unha aposta en firme pola modernización da nosa Comunidade, unha aposta en firme pola austeridade e unha aposta en firme por seguir facendo máis con menos na Administración autonómica”.
Na súa comparecencia ante os medios, Feijóo enmarcou a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica no compromiso da Xunta con “evitar duplicidades, mellorar a eficiencia na Administración Pública e facer máis con menos”. Lembrou que meses atrás xa se deron os primeiros pasos, “ao iniciarse os trámites para substituír os máis de 80 centros de procesos de datos que ten a Xunta de Galicia e ubicalos nun único centro de proceso de datos nun dos edificios da Cidade da Cultura”.
A decisión adoptada hoxe, de “agrupación de todos os departamentos da Xunta de Galicia que atenden a informática e a tecnoloxía”, constitúe, en palabras do xefe do Executivo autonómico, “unha decisión necesaria, porque eliminará a a dispersión actual das TIC que se reparten en 86 localizacións e porque resolve a ausencia dunha única dirección en materia de tecnoloxía na Comunidade Autónoma”.
Feijóo remarcou que se trata da primeira creación dunha axencia única en materia tecnolóxica en 30 anos de historia autonómica, poñendo baixo a mesma dirección a 560 tecnólogos, suprimindo 15 departamentos administrativos e acadando un aforro de espazo do 40% e de custos do 20%, é dicir, 20 millóns de euros anuais. Destacou, así mesmo, a “redución importante” dos custos de mantemento, que será de entre o 25 e o 30%, e o aforro en custos de persoal, que será do 23%, ao acadar unha maior coordinación e afectando a servizos actualmente externalizados. “Estamos, en consecuencia cunha estimación de que no ano 2014 se teña reducido o custo por proxecto informático da Xunta de Galicia un 50%”.
Constitución en tres fases
Nas súas declaración, Alberto Núñez Feijóo detallou que o proceso de creación da Axencia de Modernización Tecnolóxica se desenvolverá en tres fases, a primeira das cales comezará de xeito inmediato e consistirá na integración na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica dos departamentos de informática da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa previsión de rematar en marzo de 2012. Isto suporá, apuntou, “que terremos baixo unha única dirección o 40% do presuposto total da Xunta e o 13% do total do persoal”.
En segundo lugar, ao longo do resto do ano 2012, integraranse os servizos informáticos de sete consellerías máis: Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Economía e Industria, Educación e Ordenación Universitaria, Cultura e Turismo, Traballo e Benestar, Medio Rural e Mar. Deixase así, para un último prazo, nos anos 2013-2014 a integración da tecnoloxía sanitaria e a orzamentaria, “dada a complexidade da mesma”, relatou o presidente da Xunta.