Feijóo salienta un investimento de 154 millóns de euros para dotar de conexión de calidade a internet aos núcleos de máis de cen habitantes e garantir cen megas de velocidade a máis de 530.000 galegos que viven fóra das cidades

Xoves 16 de Setembro de 2010

Feijóo salienta un investimento de 154 millóns de euros para dotar de conexión de calidade a internet aos núcleos de máis de cen habitantes e garantir cen megas de velocidade a máis de 530.000 galegos que viven fóra das cidades

O plan de Banda Larga estenderá o acceso á rede a máis de 63.000 galegos que viven en núcleos de máis de 100 habitantes e que na actualidade carecen de cobertura

Máis de medio millón de persoas que non viven en cidades disporán de acceso a internet cunha velocidade de cen megas

O mandatario galego especificou que o compromiso de incorporación de Galicia ás novas tecnoloxías da comunicación recollido na Axenda 2014.gal vaise desenvolver ao longo desta lexislatura

“Chegamos tarde ás autovías, non vamos chegar a tempo ao tren de alta velocidade, pero lles podo asegurar que mentres teñamos capacidade presupuestaria vamos a chegar a tempo ás tecnoloxías do século XXI” reiterou o presidente da Xunta

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, salientou un investimento de 154 millóns de euros para que todos os núcleos de poboación de máis de cen habitantes dispoñan de acceso de calidade á rede, e para proporcionar cen megas de velocidade a máis de 530.000 galegos e galegas que viven fóra das cidades. Segundo dixo o presidente, “ese é o noso compromiso e o vamos desenvolver ao longo desta lexislatura”, tal como aparece recollido na Axenda 2014.gal. Deste xeito Galicia converxerá tanto “cara fóra co resto de España e de Europa, como cara dentro, é dicir, que os distintos territorios estean converxendo no que se refire a infraestruturas mantendo infraestruturas homologables e que faciliten a circulación da información, que faciliten en consecuencia a comunicación en rede da poboación galega”.

O investimento de 154 millóns de euros entre a Xunta e as empresas operadoras Telefónica e R acordado no Consello de hoxe, inclúe dous ámbitos de actuación. Segundo explicou Núñez Feijóo, dentro do Plan de Banda Larga, “o primeiro obxectivo” é a extensión de redes fixas para garantir o acceso a banda larga aos núcleos de máis de 100 habitantes actualmente sen cobertura, o que beneficiará a preto de 63.000 galegos que neste momento carecen de acceso así como a “ambulatorios, algún colexio, algunhas farmacias, e a todos eses polígonos ou zonas onde existan empresas que non teñen cobertura por estar neses núcleos”.

A segunda das actuacións é garantir velocidades de conexión de cen megas a máis de medio millóns de cidadáns galegos que non viven nas cidades. “Nas cidades moitos sitios xa teñen esas capacidades, pero hai máis de medio que non vivindo en cidades que non a teñen, polo tanto –insistiu- o obxectivo é garantir que eses 530.000 galegos e galegas teñan acceso a internet cunha velocidade de cen megas”.

O presidente da Xunta lembrou que “empezamos polo máis difícil, por onde non hai cobertura” e, ademais, salientou que este acordo garantirá que Galicia “non chegue tarde” ás infraestruturas do século XXI. “ Chegamos tarde as autovías, non vamos chegar a tempo ao tren de alta velocidade, pero lle podo asegurar que mentres teñamos capacidade orzamentarias vamos a chegar a tempo as tecnoloxías do século XXI”, insistiu o presidente .

O titular da Xunta reiterou o compromiso de seguir traballando “ata conseguir unha Galicia global, ata conseguir ese soño de que Galicia sexa unha e non trescentas quince”. Asegurou que o obxectivo é lograr a cohesión real e a igualdade de oportunidades “sobre todo a través de oportunidades económicas nos lugares onde máis o necesitan” e, neste contexto, aludiu a iniciativas como o plan Move, a rede de servizos sociais públicos, o plan Impulsa para as provincias de Lugo e Ourense, o plan Ferrol e o plan Revive para a Costa da Morte, todas elas postas en marcha polo actual Goberno da Xunta.