Feijóo salienta que a oficina virtual tributaria permitiu aforrar aos galegos arredor de 113 millóns desde 2009

Mércores 01 de Xuño de 2016

Feijóo salienta que a oficina virtual tributaria permitiu aforrar aos galegos arredor de 113 millóns desde 2009

Precisa que esta ferramenta telemática tramita na actualidade máis de 1.800 consultas ao día, e que en 2013 recibiu un total de 669.589 accesos, o que representa un incremento do 12,5 por cento con respecto ao ano anterior, e do 30,5 por cento desde 2009

Destaca que o 58 por cento das autoliquidacións de impostos presentadas en 2013 foron a través de internet, mentres que as presentacións en papel se reduciron neste período ao 42 por cento

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe, tras a reunión do Consello, que a Oficina Virtual Tributaria permitiu aforrar aos galegos arredor de 113 millóns de euros desde 2009, un total de 75 euros por contribuínte.

De acordo a un informe presentado hoxe na xuntanza semanal do Goberno galego pola conselleira Elena Muñoz, segundo datos do Ministerio de Facenda, os custes para cada contribuínte que paga os seus impostos presencialmente rolda os 80 euros, fronte aos 5 euros que supón facelo vía internet.

A modo de balance, Feijóo precisou que esta ferramenta telemática recibe na actualidade máis de 1.800 consultas ao día, o que demostra o uso cada vez maior das novas tecnoloxías na presentación dos impostos xestionados pola Xunta. Así, en 2013 recibiu un total de 669.589 accesos, o que representa un incremento do 12,5 por cento con respecto ao ano anterior, e do 30,5 por cento desde 2009.

O 100 por cento dos impostos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia poden presentarse xa por vía telemática, o que permite a calquera contribuínte realizar este trámite as 24 horas do día os 365 días do ano, e sempre coa máxima seguridade. E, tamén se pode realizar por esta vía o pagamento da taxas, prezos, multas e sancións.

O titular do Goberno galego subliñou, tamén, que o 58 por cento das autoliquidacións de impostos presentadas en 2013 foron a través de internet, mentres que as presentacións en papel se reduciron neste período ao 42 por cento. Polo tanto, aduciu, “xa son maioría” os galegos que pagan os seus impostos na rede. Segundo precisou, desde 2009, o peso dos trámites por vía telemática medrou en máis de 11 puntos, da mesma forma que se van reducindo as presentacións en papel.

Fronte a estas cifras, Feijóo constatou que o progresivo desenvolvemento da Oficina Virtual Tributaria supón un dobre beneficio: para os cidadáns, porque implica un importante aforro de tempo e de custos; e para a Administración, porque implica unha redución de cargas administrativas, unha maior transparencia na relación cos cidadáns e unha mellora da produtividade.