Feijóo salienta que a Axencia de Modernización Tecnolóxica integrará baixo a mesma dirección aos tecnólogos da Xunta, mellorará a organización, diminuirá custos e procurará unha maior eficacia na prestación dos servizos públicos
Trátase “de poñer os recursos humanos e materiais baixo unha mesma coordinación que lidere os tecnólogos, os orzamentos e a capacidade tecnolóxica da Xunta de Galicia”, sinala
Suprimiranse, polo menos, 15 departamentos administrativos cuxas competencias se atopan replicadas; xerarase un aforro de espazo de ata o 40% ata o ano 2014; e a redución de custos en tres ámbitos: en mantemento (entre o 25 e o 30%); en gasto de persoal (23% durante a lexislatura); e en coordinación de proxectos (50%)
A finais de 2011 estarán incorporados os medios persoais, materiais e competencias que actualmente corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e á Consellería de Presidencia, o que supón fusionar o 46% do orzamento global e o 13,3% do persoal da área tecnolóxica
Na segunda fase integraranse sete consellerías á axencia, de tal xeito que en decembro de 2012 estará fusionado o 67% do orzamento e o 50,3% do persoal
A terceira e última das fases consistirá na integración do resto dos organismos dos departamentos tics, fundamentalmente, dos departamentos de Sanidade e Facenda, a partir do ano 2013
“Imos botar a andar esta Axencia de Modernización Tecnolóxica, a primeira que existe en 30 anos na Comunidade Autónoma Galega”, asevera
O Consello tamén autorizou a sinatura dun convenio entre a Axencia Galega de Emerxencias e a empresa R para poñer en marcha 112.TV, unha canle interactiva que dará información “constante e actualizada a calquera cidadán, 24 horas, 365 días ao ano” sobre emerxencias
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia permitirá integrar baixo a mesma dirección aos 560 tecnólogos da Xunta, mellorará a organización, diminuirá custos e procurará unha maior eficacia na prestación dos servizos públicos. Trátase, segundo explicou o mandatario galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que hoxe aprobou o Plan para a posta en marcha desta axencia, “de poñer os recursos humanos e materiais baixo unha mesma coordinación que lidere os tecnólogos, os orzamentos e a capacidade tecnolóxica da Xunta de Galicia”.
Deste xeito, asegurou, a futura Axencia de Modernización fusiona “recursos económicos e recursos humanos para que, con menos obstáculos burocráticos, con menos gasto de funcionamento, poidamos investir máis en tecnoloxía e poidamos ser máis útiles nos servizos públicos que se prestan, tanto no ámbito da xustiza, no ámbito da sanidade, no ámbito da facenda e no ámbito da Administración Xeral da Comunidade Autónoma”.
Aforro de 27 millóns de euros
“Seguimos dando pasos na mellora das novas tecnoloxías da Xunta de Galicia; seguimos dando pasos na mellora da austeridade na prestación dos servizos; e seguimos tentando superar a fenda dixital que aínda ten Galicia para universalizar de forma definitiva o uso xeneralizado nas tecnoloxías da información e da comunicación”, aseverou o presidente da Xunta lembrando que, para logralo, “desde o primeiro día estamos apostando por fusionar organismos, por fusionar recursos materiais e recursos humanos”.
A este respecto, segundo avanzou Feijóo, o aforro total entre a creación desta Axencia de Modernización Tecnolóxica e o Centro de proceso de datos que albergará nun dos edificios da Cidade da Cultura os 80 centros de proceso dispersos na administración autonómica, será de 27 millóns de euros, aproximadamente unha redución do 30% do custo tecnolóxico actual da Xunta de Galicia.
Así, segundo se recolle no documento aprobado hoxe, suprimiranse, polo menos, 15 departamentos administrativos cuxas competencias se atopan replicadas actualmente. Ademais, a axencia suporá unha reestruturación das infraestruturas, que xerará un aforro de espazo de ata o 40% ata o ano 2014 e a redución de custo en tres ámbitos: no de mantemento, coa redución entre o 25 e o 30% dos custos de mantemento de todo o aparato tecnolóxico da Xunta; unha redución do gasto de persoal do 23% durante a lexislatura; e no custe por proxectos, reducíndose o custo na coordinación de proxectos nun 50%.
Calendario de implantación
Na súa intervención, Feijóo explicou que este proxecto ten un calendario fixado. Así, a primeira fase consistirá na incorporación de todos os medios persoais, materiais e competencias que actualmente corresponde á Secretaría Xeral de Modernización, xunto con todo o persoal que depende da Consellería de Presidencia. “Comprometémonos a que a finais do ano 2011 estea feita esta fusión”, que supón fusionar o 46% do orzamento global e o 13,3% do persoal da área tecnolóxica. Na segunda fase, con data de decembro de 2012, integraranse sete consellerías á Axencia (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; de Economía e Industria; de Educación e Ordenación Universitaria; de Cultura e Turismo; de Traballo e Benestar; de Medio Rural; e do Mar), de tal xeito que nesta data estará fusionado o 67% do orzamento e o 50,3% do persoal de tecnoloxía. A terceira e última das fases consistirá na integración do resto dos organismos dos departamentos tics, fundamentalmente, dos departamentos de Sanidade e Facenda, a partir do ano 2013. “Polo tanto –asegurou Feijóo-, nesta lexislatura hai o compromiso de que todas as consellerías, salvo Sanidade e Facenda, dependerán dunha única Axencia de Modernización Tecnolóxica onde se xestionará con carácter único, o 67% do total do presuposto da Xunta e o 50,3% dos máis de 500 tecnólogos que están a traballar na comunidade autónoma”.
O presidente galego lembrou que esta decisión ten, sen dúbida, “un alto nivel estratéxico polo seu potencial e pola súa capacidade de impulsar a modernización da comunidade autónoma”, xa que, enfatizou, “imos botar a andar esta Axencia de Modernización Tecnolóxica, a primeira que existe en 30 anos na Comunidade Autónoma Galega”.
112.TV
Ademais, segundo relatou Feijóo na rolda de prensa tras o Consello, hoxe autorizouse a sinatura dun acordo de colaboración entre a Axencia Galega de Emerxencias e a empresa R para poñer en marcha unha canle de televisión interactiva que teña como obxectivo e contido único as emerxencias. O presidente galego subliñou que 112.TV dará información “constante e actualizada a calquera cidadán, 24 horas ao día, 365 días ao ano”. “Imos tratar de que sexa un referente co que conte toda a poboación galega para informarse en tempo real de todas as incidencias que teñen a cualificación de emerxencias do 112”, remarcou Feijóo, explicando que os contidos ofrecidos na aplicación de televisión interactiva consistirán en información sobre situacións de emerxencias e avisos masivos á poboación, como información sobre fenómenos meteorolóxicos adversos, a activación de plans de emerxencia, protección civil, etc.
“En definitiva, imos completar o esforzo que mantemos desde o primeiro día no que se refire á prestación de emerxencias e imos facelo a través dunha canle temática que será coordinada e profesionalizada, por suposto, polos efectivos do 112 e que será un servizo gratis para poboación e gratis para a Xunta de Galicia dado que os custos desa canle temática serán por conta e risco da empresa de telefonía R”, concluíu.