Feijóo garante o compromiso coa transformación dixital de Galicia promovendo o acceso e impulsando novos perfís profesionais

Venres 29 de Setembro de 2017

Feijóo garante o compromiso coa transformación dixital de Galicia promovendo o acceso e impulsando novos perfís profesionais

Asevera que para afrontar estes desafíos elaborouse a Axenda Dixital 2020 que, desde 2009 ata 2020, investirá 3.000 millóns de euros entre capital público e privado na transformación dixital da comunidade
Resalta a posta en marcha do Plan director de ciberseguridade para previr, detectar e responder ante incidentes de seguridade
Destaca a necesidade de seguir traballando conxuntamente coas universidades e centros de investigación e coas empresas para afrontar os retos do futuro

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso coa transformación dixital de Galicia promovendo o acceso de todos os galegos e impulsando novos perfís profesionais.

Durante a súa participación na XXII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2017 e na gala de entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, Feijóo aseverou que para afrontar estes desafíos elaborouse a Axenda Dixital 2020 que, desde 2009 ata 2020, investirá 3.000 millóns de euros entre capital público e privado na transformación dixital da comunidade.

Así mesmo, e sobre a utilización dos datos, o presidente da Xunta resaltou que co obxectivo de garantir todos os dereitos dos cidadáns, a Administración autonómica puxo en marcha o Plan director de ciberseguridade para previr, detectar e responder ante incidentes de seguridade. “E tamén traballamos na adaptación ao novo regulamento europeo para a protección de datos”, engadiu.

Para acadar estes retos, Feijóo destacou a necesidade de seguir traballando conxuntamente coas universidades e centros de investigación e coas empresas.

O responsable do Goberno galego concluíu lembrando que o sector tecnolóxico experimentou en 2015 o maior incremento en número de empresas dos últimos cinco anos na Comunidade e, en 2016 superou, por primeira vez, os 16.000 empregados. “Estamos a falar dun sector que cada vez xera máis riqueza e máis postos de traballo cualificados”, dixo, incidindo en seguir traballando da man para afrontar os retos do futuro e para facer a vida dos cidadáns cada vez un pouco máis sinxela.