Feijóo garante, a pesar da crise económica, o compromiso do Goberno galego coa Montaña luguesa reflectido nos máis de 40 millóns de euros investidos no que vai de lexislatura
Destaca que infraestruturas como a mellora da estrada Baralla-O Cádavo; a ponte de Boabdil, na Fonsagrada; a estrada entre Quiroga e Seoane do Courel; ou o compromiso da conexión de Becerreá coa autovía A-6, “que está neste momento en proxecto construtivo”, testemuñan “o esforzo de todos os galegos con esta zona”
Afirma que a Montaña luguesa está xogando o seu papel para converter a Galicia “nunha realidade única” ao contar con mellores comunicacións, con mellores servizos públicos ou con máis oportunidades económicas co Plan Impulsa
Reitera que, pese as restricións económicas que están percibindo todas as comunidades autónomas, “pese á obrigada responsabilidade financeira que teñen que ter todos os que representamos ao Estado nas comunidades”, o Goberno galego seguirá investindo na comarca
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu, a pesar da crise económica, o compromiso da Xunta coa Montaña luguesa reflectido nos máis de 40 millóns de euros investidos no que vai de lexislatura; “o que significa –precisou- un investimento, aproximadamente, de 2.000 euros por habitante”.
Feijóo, que presidiu este mediodía o acto de posta en servizo do acondicionamento da LU-772, treito A Ribeira-Navia de Suarna, subliñou que o esforzo da Xunta no eido das comunicacións na Montaña de Lugo pon de manifesto que “o interior do interior de Galicia non ten por que ter menos posibilidades que outras zonas máis accesibles e máis poboadas”.
Deste xeito, e amais da mellora da estrada que unía Becerreá e Navia de Suarna -máis de 24 quilómetros nos que se investiron 15,5 millóns de euros-, o titular da Xunta referiuse tamén a outras infraestruturas que testemuñan “o esforzo de todos os galegos con esta zona” como: a mellora da estrada Baralla-O Cádavo, “onde estamos investindo preto de 8 millóns de euros”; a ponte de Boabdil, na Fonsagrada, no contorno do millón de euros de investimento; a estrada entre Quiroga e Seoane do Courel, que supón un investimento de 20 millóns de euros; a mellora da estrada que vai de Pontes de Gatín ao límite da provincia de León; as melloras na estrada que une A Fonsagrada con Vilardiaz; ou o compromiso da conexión de Becerreá coa autovía A-6, “que está neste momento en proxecto construtivo”.
“Cada cidadán e cada territorio teñen un papel que xogar se cremos na Galicia única. E a Montaña luguesa ten que xogar e está xogando o seu papel para converter a Galicia nunha realidade única” afirmou Feijóo, ao que engadiu que iso significa “ter mellores comunicacións, pero tamén significa mellores servizos públicos, como o abastecemento de auga potable á Moreira, en Cervantes; os servizos de saneamento e abastecemento ao barrio da Senra, en Baralla; ou a clausura dun vertedoiro na Fonsagrada”.
Así mesmo, referiuse tamén ao obxectivo de impulsar a economía da provincia de Lugo co Plan Impulsa, salientando que, “neste momento, hai máis de 200 empresas da zona dos Ancares que teñen algunha axuda, algún aval, algunha subsidiación a tipo de interese con fondos da Xunta de Galicia”.
O presidente do Goberno galego destacou, amais, a conexión da Montaña luguesa a través de internet co resto non só de Galicia e de España senón do mundo, como outro dos obxectivos da lexislatura. “Empezamos esta lexislatura –explicou- cunha cobertura, por exemplo, en Navia de Suarna, do 2% de internet e estamos finalizando o 30% da cobertura de internet, co compromiso de chegar ao ano 2013 co 98% da cobertura de internet das pequenas empresas, dos fogares e dos colexios. Este compromiso ten que afectar non só a Navia de Suarna, senón a todos os concellos que conforman a Montaña de Lugo”.
Consciente de que aínda queda moito traballo por facer, o responsable autonómico concluíu a súa intervención reiterando que pese as restricións económicas que están percibindo todas as comunidades autónomas, “pese á obrigada responsabilidade financeira que teñen que ter todos os que representamos ao Estado nas comunidades”, o Goberno galego seguirá investindo na comarca.