Feijóo: “Galicia será a primeira comunidade que regulará as infraestruturas e os puntos de carga dos vehículos eléctricos, así coma todos os seus aspectos técnicos, xurídicos e administrativos”
O decreto presentado hoxe ao Consello da Xunta regula a instalación das electrolineiras e os seus requirimentos técnicos, a figura dos promotores dos proxectos, dos xestores e dos instaladores, así como a seguridade das instalacións e o dereito e as obrigas dos usuarios
“Seguimos traballando nun sector estratéxico da nosa económica, o sector do automóbil, e queremos estar á vangarda dos movementos na innovación”, asevera explicando que o decreto garantirá catro conceptos básicos: innovación, respecto ecolóxico, seguridade e acadar a maior soberanía enerxética posible
O presidente da Xunta salienta que, no primeiro cuadrimestre do ano, o número de viaxeiros que pasaron a noite en establecementos hoteleiros de Galicia se incrementou un 7,2%, fronte ao 4,3% de España, e o número de pernoctas un 5,6%, fronte ao 3,3% do Estado
Explica que os últimos datos superan os do último Xacobeo 2004, cun incremento do número de viaxeiros do 3,8% e das pernoctas do 6,5%
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que Galicia será “a primeira comunidade autónoma que regulará tanto as infraestruturas e os puntos de carga dos vehículos eléctricos coma todos os aspectos técnicos, xurídicos e administrativos que teñen que ter estas infraestruturas de recarga” deste tipo de coches. Así o subliñou na rolda de prensa tras o Consello de Xunta, que hoxe coñeceu un informe sobre o decreto que regulará as infraestruturas e os puntos de carga deste tipo de vehículos.
Na súa intervención, Feijóo insistiu en que Galicia se converte así na primeira comunidade que regula o desenvolvemento do coche eléctrico e a instalación das electrolineiras, a través dun decreto que recolle tamén os requirimentos técnicos destas infraestruturas, así como a regulación das figuras dos promotores dos proxectos, dos xestores e dos instaladores, ao igual que a seguridade que deben manter estas instalacións e o dereito e as obrigas dos usuarios.
“Seguimos traballando nun sector estratéxico da nosa económica, o sector do automóbil, e queremos estar á vangarda dos movementos na innovación”, aseverou o mandatario galego explicando que o decreto garantirá catro conceptos básicos: innovación, respecto ecolóxico, seguridade e acadar a maior soberanía enerxética posible.
“Imos regular todas as infraestruturas: qué infraestrutura se poden instalar nunha vivenda unifamiliar para obter unha recarga dun coche eléctrico e as infraestruturas que se poden poñer nos aparcadoiros colectivos ou nos aparcadoiros públicos. Imos regular, en definitiva, todas as instalacións que poidan dar carga a un coche eléctrico”, enfatizou.
Rede de 500 electrolineiras
O xefe do Executivo autonómico subliñou, ademais, que o decreto tamén establece os mecanismos de coordinación para que os instrumentos de planeamento urbanístico recollan reservas de solo para a implantación de infraestruturas de recarga dos vehículos eléctricos. “Temos definida a rede que, entendemos, sería óptima para asegurar o abastecemento eléctrico nun momento de venda e de compra de coches eléctricos no futuro”, avanzou Feijóo asegurando que “con medio millar, é dicir, 500 abastecementos espallados por toda a xeografía galega, teriamos cumprimentando todo o territorio de Galicia”.
Comezar en 2011 nas sete cidades galegas
Na mesma liña, Núñez Feijóo adiantou que en 2011 se empezará a promover, con determinadas gasolineiras, estacións multifuncionais nas sete grandes cidades galegas. “Empezaremos coa instalacións de electrolineiras nas sete cidades galegas no ano 2011 para seguir sendo unha comunidade autónoma á vangarda neste tipo de enerxía alternativa dos vehículos do futuro”, argumentou.
“A partir de agora teremos un decreto, o primeiro en España; seguiremos desenvolvendo ese decreto, pero xa todos en Galicia, se queren instalar unhas infraestruturas que permitan a medio prazo dar servizo a esta nova modalidade de vehículos, poderano facer, tanto en vivendas unifamiliarias, como en aparcadoiros colectivos ou aparcadoiros públicos”, abondou.
Máis viaxeiros e pernoctas que o ano pasado e o Xacobeo 2004
O presidente da Xunta achegou os datos oficiais sobre ocupación hoteleira correspondentes ao primeiro cuadrimestre de 2010. Alberto Núñez Feijóo avanzou o contido do informe do Instituto Nacional de Estatística e explicou que del se poden extraer dúas conclusións: que o comportamento turístico en Galicia é mellor que en España; e que a recuperación do turismo detectada no segundo semestre de 2009 se consolida.
Así, Feijóo relatou que o número de viaxeiros que fixeron noite en establecementos hoteleiros da comunidade autónoma se incrementou un 7,2% con respecto ao primeiro cuadrimestre que 2009, practicamente o dobre do incremento rexistrado no Estado: do 4,3%. Ademais, os datos reflicten un incremento no número de pernoctas –máis de 1,8 millóns no primeiro cuadrimestre- do 5,6%, unha porcentaxe tamén sensiblemente superior á rexistrada no resto de España, do 3,3%.
O presidente galego comparou os datos de 2010 cos rexistrados no último Xacobeo, o de 2004, un ano de forte crecemento económico. Así, Feijóo destacou que, comparando co último Ano Santo, o número de viaxeiros que fixeron noite en establecementos hoteleiros se incrementou un 3,8%, e a cifra de pernoctas, un 6,5%. “Polo tanto, apesares da crise económica, da contracción no consumo, e do 20% de paro de España, en Galicia hai máis viaxeiros e en Galicia os viaxeiros pasaron máis noites que no Xacobeo 2004 e que no resto de España no primeiro cuadrimestre do ano 2010”, resumiu.
Un plan de turismo consensuado co sector que dará boas noticias a Galicia
“Galicia é unha opción a alza en materia de turismo”, destacou o presidente galego tras comentar os datos de ocupación, e afirmou que a comunidade autónoma empeza a recoller os froitos das estratexias que o Goberno galego iniciou hai meses, “cando apostamos por este Xacobeo”,
Feijóo salientou a aposta da Xunta polo turismo, e destacou que o Plan de acción do turismo 2010-2013 é unha estratexia consensuada co sector que dará “moi boas noticias a Galicia”. “Consiste en establecer plans de promoción da marca Galicia, das conexións aéreas nacionais e internacionais financiadas ao 100% por primeira vez pola Xunta de Galicia. Supón plans específicos como o de termalismo, de turismo náutico, ou rural e supón, por suposto, incentivar a marca Xacobeo durante este ano 2010”, concluíu.