Feijóo destaca que a Xunta dá un paso máis na aposta polas tecnoloxías coa extensión das aulas CeMit, novas infraestruturas Tic na xustiza e a posta en marcha da Oficina Agraria Virtual

Xoves 04 de Novembro de 2010

Feijóo destaca que a Xunta dá un paso máis na aposta polas tecnoloxías coa extensión das aulas CeMit, novas infraestruturas Tic na xustiza e a posta en marcha da Oficina Agraria Virtual

Destaca o acordo que a Xunta asinará con 53 concellos de Galicia para a implantación de aulas CeMIT, que permitirá aforrar 8 millóns de euros en toda a lexislatura con respecto ao anterior modelo e configurar unha rede sen duplicidades, “integrada e unificada”

Salienta que a Xunta avanza na modernización da Xustiza ao investir 1 millón de euros para implantar novas infraestruturas TIC nos xulgados e ao incrementar os cursos de formación dos funcionarios nesta materia

Sinala que a posta en marcha da Oficina Agraria Virtual ofrece aos gandeiros unha nova canle para dar de alta as súas reses de forma totalmente gratuíta e máis áxil

Este novo sistema telemático suporá un aforro de cinco millóns de euros para a Administración pública e 2,60 euros por res para cada gandeiro “no suposto de que sexa el directamente o que faga o rexistro a través da oficina virtual de internet ou a través dunha chamada telefónica”

Lembra que se atende unha vella demanda dos gandeiros e equipárase a Galicia “coa maioría dos países europeos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que os acordos aprobados hoxe polo Consello da Xunta sobre a estensión das aulas CeMIT, a dotación de novas infraestruturas TIC na Xustiza e a posta en marcha da Oficina Agraria Virtual supoñen “un paso máis” no compromiso do Goberno galego coa implantación da administración electrónica e, por ende, coa innovación e modernización tecnolóxica de Galicia.

O mandatario galego referiuse ao acordo autorizado hoxe e que se formalizará con 53 concellos de Galicia para implantar aulas da rede de centros CeMIT. Segundo indicou, a Xunta dotará de equipamento informático cada aula, porá a disposición dos usuarios un catálogo de actividades e pagará o 80 por cento do salario dos profesionais técnicos que traballen nestes centros. Pola súa banda, aos concellos correspóndelle poñer a disposición da rede un local e encargaranse do seu mantemento.

Esta iniciativa, en palabras de Feijóo, permitirá acadar unha rede “integrada e unificada” cunha estratexia tecnolóxica claramente definida e cun dobre obxectivo: eliminar duplicidades para ser máis eficientes á hora de achegar as novas tecnoloxías aos cidadáns, e aforrar custes, porque supón un aforro do 55 por cento con respecto ao anterior modelo. Segundo detallou, aforraranse 8 millóns de euros na lexislatura “dando os mesmos servizos con maior unidade, maior integración e con menor custe”.

A rede, dixo, servirá para que a Xunta e os concellos avancen nun obxectivo fundamental: “seguir achegando as tecnoloxías aos concellos con maior fenda dixital e seguir impulsando a tecnoloxía como un instrumento clave para gañar competitividade”, tanto na educación, como no ámbito empresarial ou coa poboación.

Unha Xustiza máis informatizada
O presidente da Xunta tamén se referiu ao convenio asinado hoxe entre a Xunta e a empresa pública Red.es para investir 1 millón de euros na implantación de novas infraestruturas TIC no ámbito xudicial en Galicia. Neste punto, Feijóo lembrou que o plan de infraestruturas xudiciais posto en marcha pola Xunta conta cunha dotación de preto de 100 millóns de euros, e expresou o compromiso do seu goberno co pago dos custes da asistencia xurídica gratuíta e coa creación de novas oficinas xudiciais tecnolóxicas.

O acordo asinado hoxe supón “un paso máis” no Plan Senda 2014, que dispón dun investimento de 34 millóns de euros en catro anos. Feijóo precisou que busca implantar novos sistemas de información e infraestruturas tecnolóxicas nos xulgados, dixitalizar a información procesual, poñer en marcha servizos electrónicos para os usuarios, facilitar videoconferencias para a toma de declaración de fiscais e xuíces e o desenvolvemento, en xeral, de novas aplicacións informáticas.

No tocante á formación do persoal da Administración de Xustiza en materia tecnolóxica, o xefe do Goberno galego apuntou que as actividades formativas se incrementaron nun 87 por cento, casi o dobre que o pasado ano, e que as horas lectivas aumentaron nun 24 por cento, das que un 30 por cento son de modalidade presencial e o 70 por cento restante de teleformación.

Segundo sinalou, isto supón a implantación de preto de 3.300 prazas de formación no ámbito da xustiza das que o 60 por cento están dedicadas á formación no funcionamento da Oficina Xudicial.

Sistema de identificación de gando
No eido do medio rural e tamén vinculado ás novas tecnoloxías, Núñez Feijóo deu conta do decreto aprobado hoxe polo que se regulan as entidades identificadoras de gando bovino, ovino e cabrún e o seu rexistro oficial. Deste xeito, a partir de agora os gandeiros poderán identificar as súas reses de forma telemática a través da Oficina Agraria Virtual, a maiores do servizo de atención telefónica da Xunta para quen aínda non dispoña de acceso a Internet.

“O gando poderá ser identificado polo tanto directamente polo propio gandeiro ou a través de entidades como cooperativas ou agrupacións de empresas e servizos veterinarios”, explicou o presidente, que salientou que se trata dun sistema de identificación totalmente gratuíto e “máis operativo” e “máis áxil”. “Temos agora tres canles: o teléfono, o internet ou a delegación nunha entidade autorizada de acordo coa decisión do gandeiro”, matizou.

Núñez Feijóo tamén salientou a gratuidade do sistema, xa que “anteriormente se pagaba máis de dous euros por cada res” e agora faise “de forma gratuíta a través dunha chamada telefónica ou a través dun simple click de rato”. Ademais, o presidente da Xunta incidiu en que a posta en marcha desta Oficina Virtual tradúcese nun “aforro de cinco millóns de euros” para a Administración pública en nun aforro de 2,60 euros para cada gandeiro “no suposto de que sexa el directamente o que faga o rexistro a través da oficina virtual de Internet ou a través de chamada telefónica”.

Na súa intervención trala reunión do Consello da Xunta, Feijóo recalcou que este novo servizo conta con “todas as garantías”, posto que sigue estando controlado polas autoridades. Tamén lembrou que coa súa posta en marcha aténdese unha vella demanda dos gandeiros e equipara a Galicia coa maioría dos países europeos. “É un procedemento gratuíto, áxil e adaptando ás posibilidades tecnolóxicas dos tempos que corren”, sentenciou o presidente, quen defendeu a aposta da Xunta por estender a modernización tecnolóxica a todos os ámbitos incluído o medio rural.