Feijóo destaca que a sinatura do convenio de colaboración entre Red.es e o Sergas permitirá consolidar o uso das TIC na sanidade pública galega

Venres 14 de Marzo de 2014

Feijóo destaca que a sinatura do convenio de colaboración entre Red.es e o Sergas permitirá consolidar o uso das TIC na sanidade pública galega

O acordo inclúe tamén actuacións no eido da atención a enfermos crónicos, a través do desenvolvemento de produtos TIC especificamente orientados a mellorar a atención que o Servizo Galego de Saúde presta a estes pacientes

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, que a sinatura do convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Red.es e o Sergas permitirá consolidar o uso das TIC na sanidade pública galega e dotar de infraestruturas tecnolóxicas o novo hospital público de Vigo para o seu arranque.

Durante o acto de presentación do convenio xunto ao ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, Feijóo destacou que este acordo, cuxo plan de traballo se estende ata 2015, enmárcase dentro da Axenda Dixital para España aprobada no Consello de Ministros o pasado mes de febreiro como novo plan estratéxico nacional no ámbito das TIC.

O investimento do convenio marco que recolle esta actuación ascende a un importe de 15 millóns de euros: 12 deles con cargo aos fondos europeos Feder e outros tres achegados pola Xunta.

Feijóo incidiu en que a principal liña de actuación deste convenio é a dotación de infraestrutura tecnolóxica, abranguendo tanto o subministro e instalación de infraestrutura TIC coma os servizos asociados, incluído as necesidades tecnolóxicas do novo hospital público de Vigo para a súa posta en marcha así como a consolidación da historia clínica electrónica e a receita electrónica.

Outras das grandes actuacións estará enmarcada no eido da atención a enfermos crónicos, a través do desenvolvemento de produtos TIC especificamente orientados a mellorar a atención que o Servizo Galego de Saúde presta a estes pacientes .

Ademais de actuacións de difusión, o convenio recolle tamén accións para a xestión e seguimento das iniciativas realizadas e actuacións para o fomento do uso do DNIe como mecanismo de identificación no Sergas.

Galicia pioneira na utilización das TIC no sistema sanitario
Feijóo destacou a importancia deste tipo de convenios para mellorar a eficiencia e a calidade asistencial do Sergas, contribuíndo ao desenvolvemento de proxectos chave nos que destacou, a modo de exemplo, a historia clínica electrónica despregada en todos os seus centros sanitarios, incluídos o 100% de residencias sociosanitarias públicas. Así mesmo resaltou o nivel acadado en outros desenvolvementos como no caso da receita electrónica que alcanzou o 97,5% de uso na prescrición e o 100% na dispensación; ou da dixitalización da imaxe médica, dado que no SERGAS, neste momento, o 96,4% da imaxe médica xerada é dixital e tense xa habilitado o acceso a mesma no 100% dos centros de saúde.

Para explicar a importancia do uso das TIC na asistencia sanitaria en Galicia, Feijóo indicou que, cada día, mais de 15.500 profesionais se conectan no sistema IANUS de historia electrónica, para realizar mais de 162.000 accesos diarios a historias clínicas de pacientes, levando a cabo mais de 100.000 anotacións nesas historias e producíndose 340.000 dispensacións electrónicas de medicamentos cada día.

Ademais, en Galicia se están a implantar novas utilidades na xestión e na asistencia sanitaria como a consulta telefónica cos médicos de familia en todos os centros de saúde de Galicia, e que agora se está a ampliar aos pediatras de atención primaria, o xestor de peticións clínicas electrónicas, que permite que dende os centros de saúde se realicen as peticións aos médicos especialistas de xeito dixital ou o sistema de información de apoio á plataforma loxística e a dixitalización dos procesos de RREE.

Por outra banda as TIC téñense constituídas nun importantísimo elemento de innovación no Servicio Galego de Saúde, a través dos proxectos InnovaSaúde e H2050 (cofinanciados con fondos FEDER), e coas licitacións baixo a modalidade de Compra pública de Tecnoloxía Innovadora que se están a desenvolver no marco destes proxectos.