Feijóo destaca que a recuperación do crecemento “terá que vir a través da innovación” e pon como exemplo o investimento de 125 millóns de euros en tres novedosos proxectos no ámbito da sanidade e da innovación

Luns 18 de Xullo de 2011

Feijóo destaca que a recuperación do crecemento “terá que vir a través da innovación” e pon como exemplo o investimento de 125 millóns de euros en tres novedosos proxectos no ámbito da sanidade e da innovación

Salienta que o programa Innova Saúde terá como principal obxectivo innovar nos procesos asistenciais no conxunto do Servizo Galego de Saúde e estará dotado con 45 millóns de euros; namentres que o programa Hospital 2050, dotado tamén con 45 millóns de euros, centrarase no desenvolvemento e aplicación de sistemas tecnolóxicos moi avanzados na xestión hospitalaria

Subliña o avance noutro proxecto no ámbito da innovación, que cun valor de 35 millóns de euros permitirá retomar iniciativas no marco do Plan galego I2C

Pon como proba do “entendemento e do diálogo” entre o Goberno galego e o Ministerio a posta en marcha, hoxe, da Cidade Tecnolóxica da Universidade de Vigo

Destaca a importancia deste proxecto como modelo “de apoio á I+D+i e á extensión das novas tecnoloxías a toda a sociedade”, que busca poñer en valor o froito das investigacións

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe que, “nos actuais momentos de crise, a recuperación do crecemento e do emprego terá que vir a través da innovación”, subliñando neste sentido tres importantes proxectos para Galicia no ámbito da sanidade e da innovación que, coa colaboración do Ministerio de Ciencia e Innovación, sumarán un investimento total de 125 millóns de euros.

Así o sinalou o mandatario galego tras reunirse esta tarde, en Vigo, coa ministra Cristina Garmendia, con quen abordou “diversos temas de interese”, convencido, dixo, “de que desde o entendemento e o traballo, desde o entendemento e o diálogo, se identifican mellor os problemas e as solucións”.

Así, segundo explicou o mandatario autonómico, no encontro coa ministra de Ciencia e Innovación, avanzouse “en tres proxectos importantes, dous no ámbito da sanidade e outro no ámbito da innovación”. En concreto, no ámbito sanitario, o presidente galego e a ministra abordaron dous novedosos programas: o programa Innova Saúde, que ten como principal obxectivo innovar nos procesos asistenciais no conxunto do Servizo Galego de Saúde e que está dotado con 45 millóns de euros; e o programa Hospital 2050, centrado no desenvolvemento e a aplicación de sistemas tecnolóxicos moi avanzados na xestión hospitalaria, que poidan servir de demostración para o conxunto da rede hospitalaria. Unha iniciativa que conta dun orzamento de 45 millóns de euros. Estes dous programas sanitarios teñen un prazo de desenvolvemento de cinco anos.

“En definitiva –explicou Feijóo-, puxémonos de acordo nestes dous programas que afectan á saúde, á innovación no ámbito do Servizo Galego de Saúde, que teñen un orzamento de 90 millóns de euros”, e para os que a Xunta aporta un total de 27 millóns de euros.

Ademais, no ámbito da Consellería de Economía e Industria, Feijóo sinalou o avance “noutro proxecto que encaixa dentro da estratexia do Ministerio, que son 35 millóns de investimento”. Dito proxecto permitirá retomar iniciativas de innovación no marco do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015, Plan I2C.

Trátase, segundo explicou Feijóo, dun proxecto a tres anos consistente “nuns préstamos reembolsables por parte da Comunidade Autónoma, e comprometémonos por parte da comunidade a reembolsar ese préstamo e por parte do Goberno de España a conceder ese préstamos á comunidade”, asegurou.

“En definitiva –remarcou o mandatario galego- estamos falando, nada máis e nada menos de 125 millóns de euros; estamos falando, en consecuencia, de moito diñeiro nestes tempos, e estamos falando do diálogo e do esforzo entre dúas administracións que está frutificando nestes tres proxectos que queremos consolidar, formalizar e solemnizar nos próximos meses e que hoxe desatascamos, espero, de forma definitiva”.

Durante a xuntanza, a ministra e o presidente galego tamén abordaron os Campus de Excelencia, tanto o Campus Vida de Santiago como o Campus do Mar de Vigo; o Plan de investigación, innovación e crecemento da Xunta de Galicia; ou a aposta do Goberno galego polo impulso ás TICs e da Axenda Dixital 2014.gal.

CITEXVI

O presidente da Xunta puxo como proba do “entendemento e do diálogo” entre o Goberno galego e o Ministerio a posta en marcha, hoxe, da Cidade Tecnolóxica da Universidade de Vigo(CITEXVI). Así, no transcurso da súa inauguración, Feijóo subliñou a súa importancia como modelo “de apoio á I+D+i e á extensión das novas tecnoloxías a toda a sociedade”, que busca poñer en valor o froito das investigacións.

Neste sentido, o xefe do Executivo autonómico aplaudiu a colaboración institucional que fixo posible esta infraestrutura e que cualificou de imprescindible “se queremos avanzar cara a un modelo de desenvolvemento baseado na competitividade a través da aplicación do coñecemento e das novas tecnoloxías”. “Alí onde a universidade non chega, o resto de institucións públicas e privadas debemos esforzarnos para acadar a posta en valor desa investigación”, incidiu.

Salientou a necesidade de apoiar propostas empresariais “intensivas en coñecemento provinte da investigación”, consolidar “as dinámicas das universidades” e apostar “pola comercialización dos resultados da investigación a través dunha boa xestión da propiedade intelectual ou a través da transferencia tecnolóxica”.

Nese sentido, Feijóo resaltou que, a pesar das dificultades das contas públicas, a Xunta aprobou o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C), que suporá un investimento de 1.200 millóns de euros. Xunto con isto, referiuse ao conxunto de iniciativas destinadas a promover a implantación das TIC, a Axenda Dixital 2014.gal, cun orzamento achegado pola Xunta de 900 millóns de euros, ao que se suma “un investimento privado de 1.600 millóns”.