Feijóo destaca, cun investimento de 6,5 millóns de euros, a posta en marcha dunha rede de emerxencias única, dotada coa tecnoloxía máis punteira en comunicacións e que blindará as 24 horas a resposta ante as emerxencias na Comunidade
“Galicia contará, por primeira vez, cunha rede dixital de emerxencias en propiedade, que satisfai plenamente os requisitos de seguridade e que blinda a comunicación e a coordinación entre todas as persoas que se dedican á emerxencia en Galicia”, explica
Subliña que a través deste novo sistema se poderá ubicar xeograficamente aos efectivos dado que terá GPS, amais de envío de SMS a persoas e grupos que conforman a rede, envío de fotos, consulta de base de datos e gravación de conversas
O número inicial de usuarios entre efectivos de protección civil, Axega, policía autonómica, 112, dispositivos antiincendios, Grumir, bombeiros e 061 é de 5.000 e, nos próximos 3 anos, se incorporarán as deputación e os concellos
Salienta que a rede empregará a tecnoloxía TETRA, “a máis punteira neste tipo de comunicacións e a recomendada, desde o punto de vista das emerxencias, a nivel europeo”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mediodía, na rolda de prensa do Consello, que Galicia contará cunha rede de emerxencias única, que incorpore todos os beneficios da tecnoloxía punta e que suporá blindar, as 24 horas, a resposta ante as emerxencias que se produzan na comunidade. “Galicia contará, por primeira vez, cunha rede dixital de emerxencias en propiedade que integrará e conectará nun mesmo sistema a todos os colectivos. Unha rede que satisfai plenamente os requisitos de seguridade e que blinda a comunicación e a coordinación entre todas as persoas que se dedican á emerxencia en Galicia”.
O titular do Goberno galego precisou que esta rede permitirá “que todos traballen co mesmo sistema”; aproveitar todas as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías e evitar a dependencia de terceiros, como son as operadoras telefónicas, “é dicir, disponibilidade ante calquera risco de colapso”. Así mesmo, explicou que posibilitará a incorporación de diversos servizos, xa que “a través desta rede se poderá ubicar xeograficamente aos efectivos dado que terá GPS; e terá, amais, envío de SMS a persoas e grupos que conforman a rede; envío de fotos; consulta de base de datos; gravación de conversas, etc”.
O número inicial de usuarios entre efectivos de protección civil, Axega, policía autonómica, 112, dispositivos antiincendios, Grumir, bombeiros e 061 é de 5.000. “Todos eles utilizarán esta única rede á que se incorporarán, nos próximos 3 anos, as deputacións e os concellos. En total estamos a falar de 8.000 efectivos. Todos os efectivos da administración autonómica, da administración local, da administración provincial utilizarán unha rede de titularidade pública Xunta de Galicia”.
Cun investimento de 6,5 millóns de euros –a través dun convenio entre as consellerías de Medio Rural, Presidencia e Administracións Públicas e Xustiza e a empresa pública Red.es-, Feijóo avanzou que a rede empregará “a mellor tecnoloxía”, a tecnoloxía TETRA, “a máis punteira neste tipo de comunicacións e a recomendada, desde o punto de vista das emerxencias, a nivel europeo”. Así mesmo, subliñou que esta rede está dentro do marco da Axenda Dixital 2014.gal, “polo tanto aproveitaremos a extensión do Plan de Banda Larga e as redes do operador público galego Retegal”; e permitirá un aforro de 37 millóns de euros en 10 anos.
Por último, o presidente da Xunta salientou que, desde o principio da lexislatura, o Goberno galego ten feito un gran esforzo en materia de infraestruturas no que ser refire a tecnoloxía relativa á emerxencia. “Impulsamos a rede de parques de bombeiros e, hoxe, o 80% dos galegos teñen cobertura por un parque de bombeiros cofinanciado pola Xunta; estamos impulsando a Axencia galega de Emerxencias; nos últimos meses temos feito convenios, acordos de coordinación co norte de Portugal, con comunidades autónomas limítrofes e con empresas privadas que teñen un especial risco potencial de emerxencia; e, tamén, fixemos protocolos de coordinación con todos os portos galegos”.