Feijóo destaca a posta en marcha de dous proxectos de innovación, dotados cun total de 90 millóns de euros, “para mellorar a asistencia sanitaria, crear emprego e mellorar a competitividade na nosa economía”
Subliña que o Proxecto INNOVA-Saúde, con 45 millóns de euros, serán 14 proxectos centrados na mellora da prestación de servizos asistenciais, cun novo modelo de hospitalización e cun tratamento de procesos agudos
Afirma que o Proxecto HOSPITAL 2050 vai permitir deseñar o hospital do futuro. “Un hospital máis eficiente, que vai consumir moita menos enerxía, que vai respectar moito máis o medio ambiente e centrado no paciente”
Lembra que un dos eixos de actuación desta lexislatura é garantir, a pesar da crise, a prestación dos servizos públicos máis esenciais e máis importantes, como a sanidade. “Para elo, necesitamos dúas cousas: eficiencia nos servizos públicos e calidade. E ámbalas dúas converxen no mesmo río que é o da innovación”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, esta tarde, despois dunha reunión coa ministra de Ciencia e Innovación en funcións, Cristina Garmendia, a posta en marcha dos proxectos INNOVA-Saúde e Hospital 2050, dotados cun total de 90 millóns de euros, “para mellorar a asistencia sanitaria, crear emprego e mellorar a competitividade na nosa economía”. “Estamos diante de dous proxectos innovadores, dotados con 90 millóns: 63 millóns de euros que recibiremos a través do Ministerio de Ciencia e Innovación de Fondos europeos e o resto o aportará a comunidade autónoma”, matizou.
Feijóo explicou que o Proxecto INNOVA-Saúde, con 45 millóns de euros, serán 14 proxectos centrados na mellora da prestación de servizos asistenciais, cun novo modelo de hospitalización e cun tratamento de procesos agudos. “Estamos a falar de algo moi importante porque o que se vai a conseguir -se somos capaces de facer un novo modelo de hospitalización e un novo procedemento para os procesos agudos- será, co mesmo diñeiro, atender a máis pacientes; e, co mesmo diñeiro, conseguir máis asistencia sanitaria e, en consecuencia, diminuír os custes unitarios da sanidade e ser máis eficientes e, polo tanto, blindar o servizo público sanitario”.
No tocante ao Proxecto HOSPITAL 2050, o presidente da Xunta salientou que, dotado con 45 millóns de euros, esta iniciativa vai permitir deseñar o hospital do futuro. “Un hospital –dixo- máis eficiente, que vai consumir moita menos enerxía, que vai respectar moito máis o medio ambiente e centrado no paciente”. Así mesmo, destacou que os hospitais centrados nos pacientes “son aqueles que entenden o seu obxecto e o seu obxectivo que é atender a cantos máis pacientes mellor, con mellor diagnóstico, co tratamento máis eficaz e no menor tempo posible”.
O responsable do Goberno galego lembrou que un dos eixos de actuación desta lexislatura é garantir, a pesar da crise, a prestación dos servizos públicos máis esenciais e máis importantes, como a sanidade. “Para elo, necesitamos dúas cousas: eficiencia nos servizos públicos e calidade. E ámbalas dúas converxen no mesmo río que é o da innovación”.
Neste sentido, destacou o Plan galego de Investigación, Innovación e Coñecemento (PI2C), que ten como obxectivo ordenar a innovación e pasar da lóxica dos recursos á lóxica dos resultados. “E, tamén, establecemos –engadiu- unha estratexia no Servizo galego de Saúde, Estratexia Sergas 2014, que pasa pola innovación en moitos dos aspectos da prestación sanitaria para o mantemento, en época de crise, do Sistema público de Saúde”.