Feijóo destaca a Axenda Dixital de Galicia 2014.gal como “unha oportunidade económica e social para saír vigorosos da crise”

Xoves 16 de Decembro de 2010

Feijóo destaca a Axenda Dixital de Galicia 2014.gal como “unha oportunidade económica e social para saír vigorosos da crise”

Subliña que 2014.gal está dotado con máis de 900 millóns de euros que xerarán un investimento total de 1.600 millóns e máis de 12.000 empregos ata 2014

Lembra que unha das primeiras decisión do Goberno galego foi a posta en marcha do Plan de Banda Larga para garantir o acceso a Internet de todos os galegos, e especialmente no rural

Sostén que os beneficios da Administración electrónica son claros: “un aforro de millóns de horas no tempo que os galegos dedican cada ano a realizar trámites, así como quilos de papel e millóns de euros que custan estas xestións aos cidadáns e á Administración”

Destaca que co proxecto Abalar as novas tecnoloxías converteranse nun instrumento ao servizo da comunidade educativa e di que o 98% da poboación galega xa se beneficia da Historia Clínica electrónica

Recorda que o Plan Senda 2014 ten como obxectivo implantar en Galicia o Expediente Xudicial Dixital e avanzar na integración das tecnoloxías da información na Administración de Xustiza

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou, esta tarde, a Axenda Dixital de Galicia 2014.gal como “unha oportunidade económica e social para saír vigorosos da crise”. “Máis que unha recompilación de actuacións, 2014.gal é unha oportunidade económica: con máis de 900 millóns de euros achegados pola Xunta que xerarán un investimento total de 1.600 millóns de euros; máis de 12.000 empregos ata 2014, e incremento do sector no PIB do 4,8 actual ao 6%, iniciando así a senda da converxencia con España e con Europa no que representa este sector para a economía dun país. E unha oportunidade social, porque as tecnoloxías son un instrumento que permite axudar a conseguir obxectivos de maior alcance en diferentes ámbitos como A sanidade, a educación ou as políticas sociais”.

No I Encontro de empresarios do sector TIC, Feijóo lembrou que unha das primeiras decisión do Goberno galego foi a posta en marcha do Plan de Banda Larga para garantir o acceso a Internet de todos os galegos, e especialmente no rural. “En tan só un ano xa temos en marcha máis do 50% das actuacións do plan, e xa a finais deste ano, case 250.000 galegos terán a posibilidade de acceder a Internet de calidade. Reducimos nun terzo a poboación de Galicia que carecía de cobertura hai menos dun ano”.

No marco do Plan de Modernización da Administración Pública, referiuse á aprobación do decreto que regula o desenvolvemento da Administración electrónica “e que dará soporte as accións que levaremos a cabo para acadar unha Administración sen papeis, máis transparente e aberta 24 horas ao día e 365 días ao ano”. “Os beneficios son claros: un aforro de millóns de horas no tempo que os galegos dedican cada ano a realizar trámites, así como quilos de papel e millóns de euros que custan estas xestións aos cidadáns e á Administración”.

“Tamén se puxo a disposición das entidades locais, universidades e deputacións provinciais o servizo de sinatura dixital, que permitirá firmar electronicamente os documentos con plena validez legal; e agardamos que o vindeiro ano a edición do Diario Oficial de Galicia sexa exclusivamente dixital”, engadiu.

No eido da Educación, destacou que, coa posta en marcha do proxecto Abalar, as novas tecnoloxías converteranse nun instrumento ao servizo da comunidade educativa e nunha ferramenta que nos axude a aproveitar os enormes recursos de coñecemento que están accesibles no novo contexto dixital. “Dotamos aos alumnos dos centros educativos con máis de 14.500 portátiles de última xeración, acondicionamos preto de 700 aulas e acabamos de poñer en marcha o ‘espazoAbalar’, que nace coa vocación de facilitar o achegamento dos pais e nais ao proceso educativo dos seus fillos”.

Así mesmo, subliñou que o 98% da poboación galega xa se beneficia da Historia Clínica electrónica; e púxose en marcha o primeiro plan de sistemas e tecnoloxías da información do ámbito xudicial galego, o Plan Senda 2014, co obxectivo de implantar en Galicia o Expediente Xudicial Dixital e avanzar na integración das tecnoloxías da información na Administración de Xustiza.

Compromisos co sector

En liña coas máis recentes recomendacións impulsadas pola Unión Europea, Feijóo afirmou que desde a Administración autonómica estase a poñer en marcha un sistema de Demanda Tecnolóxica Temperá. “E comezaremos –dixo- por aplicar esta iniciativa ao eido da asistencia socio-sanitaria, identificando as necesidades do futuro para poñerse a traballar, desde agora, nos proxectos que dean soporte ás mesmas”.

“Queremos poñer en marcha proxectos que dean soporte á saúde e ao benestar dos maiores, e necesitamos contar coa axuda do sector das TIC para empregar agora as tecnoloxías do futuro. Queremos que Galicia sexa a comunidade punteira na prestación de servizos sociais e asistenciais aos maiores a través das TIC, apostando por unha atención integral de calidade con servizos no propio fogar”.

Para o desenvolvemento destes proxectos a Xunta está a contar coa experiencia xa acumulada por grupos de investigación, centros tecnolóxicos ou polo sector empresarial. “Estamos desenvolvendo coa súa colaboración un mapa de capacidades tecnolóxicas no ámbito sociosanitario, que estará listo a finais de decembro, e que recolle o potencial tecnolóxico de Galicia neste ámbito”.

E no primeiro semestre de 2011, porase en marcha o Centro Demostrador TIC, que permitirá presentar de forma práctica os produtos e servizos que pode ofrecer o sector en Galicia; facilitar o coñecemento e a achega de solucións tecnolóxicas ás pequenas e medianas empresas.

Para apoiar estes proxectos o Goberno galego manterá a súa aposta polo investimento en tecnoloxía a través de todas as vías posibles xa que, segundo o presidente da Xunta, Galicia ten asumido o compromiso da posta en marcha dunha axenda dixital que faga da tecnoloxía un dos motores da próxima década”.