Feijóo destaca a aposta da Xunta para converter a tecnoloxía nun servizo básico tan importante como a auga ou o saneamento
Salienta como exemplo deste compromiso o inicio, hoxe mesmo, da tramitación da primeira Lei de telecomunicacións da historia de Galicia
Resalta que a aposta do Goberno galego nesta materia é unha aposta compartida tamén cos emprendedores do sector das telecomunicacións, “co que conxuntamente estamos mobilizando arredor de 1.600 millóns de euros”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta tarde, en Madrid, no acto organizado pola Fundación DINTEL, a aposta da Xunta para converter a tecnoloxía nun servizo básico tan importante como a auga ou o saneamento. “As infraestruturas tecnolóxicas –dixo- ocupan un dos lugares máis destacados; unha aposta decidida e ambiciosa, como o demostramos hoxe mesmo ao iniciar a tramitación da primeira Lei de telecomunicacións da historia de Galicia, e que nace co obxectivo de que a tecnoloxía se considere un servizo tan básico como a auga ou o saneamento”.
Así mesmo, Feijóo subliñou que a aposta do Goberno galego nesta materia é unha aposta compartida tamén cos emprendedores do sector das telecomunicacións, “co que conxuntamente estamos mobilizando arredor de 1.600 millóns de euros”.
O titular da Xunta incidiu en que Galicia non quere chegar tarde ás vías de comunicación dixitais. “Ata non fai tanto tempo, as nosas aspiracións apuntaban a novas infraestruturas viarias e ferroviarias –polas que seguimos e seguiremos pelexando-. Hoxe, ademais, traballamos por outra gran conquista, que son as tecnoloxías de información e comunicación”.
O presidente autonómico concluíu a súa intervención agradecendo o galardón da Fundación DINTEL que recolleu en nome dos galegos.