Feijóo avoga por consolidar un sector TIC competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado, capaz de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento
“Un dos obxectivos estratéxicos da nova lexislatura será impulsar o sector TIC galego como elemento transformador do tecido empresarial da Comunidade”, avanza
Lembra que o Goberno galego fixo desde o primeiro momento unha aposta clara pola integración das tecnoloxías en todos os ámbitos da sociedade galega coa aprobación da Axenda Dixital 2014.gal
Afirma que as iniciativas da Axenda Dixital terán continuidade con outras como: a aprobación da Lei de desenvolvemento dixital de Galicia; seguir sendo pioneiros no impulso ás Redes de Telecomunicacións de alta velocidade en liña coas Directrices da UE; e a posta en marcha de actuacións orientadas a promover a implementación práctica do Fogar Dixital
Felicita a todos os galardoados pola súa contribución á mellora constante e á excelencia neste sector fundamental no desenvolvemento de Galicia. “Hoxe prémiase o enxeño e a creatividade, o esforzo e as ganas de seguir emprendendo e innovando”
O presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apostou, hoxe, por consolidar un sector TIC competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado, capaz de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento. “Un dos obxectivos estratéxicos da nova lexislatura será impulsar o sector TIC galego como elemento transformador do tecido empresarial da Comunidade”, avanzou, durante a celebración da XVII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2012. Smart cities: A tecnoloxía ao servizo dos cidadáns.
Feijóo subliñou que, na actual conxuntura económica, o uso das TIC debe ser un dos instrumentos clave para saírmos reforzados da crise, grazas ao seu papel transformador das estruturas económicas, sociais e culturais. E, neste sentido lembrou que o Goberno galego fixo desde o primeiro momento unha aposta clara pola integración das tecnoloxías en todos os ámbitos da sociedade galega coa aprobación da Axenda Dixital 2014.gal.
“Estamos a falar dunha folla de ruta –recordou- que dous anos despois da súa posta en marcha conseguiu avanzar na modernización da Administración e da Xustiza; na transformación do sistema educativo con iniciativas como Abalar; na vertebración territorial de Galicia grazas ao Plan de Banda Larga; na mellora continua da sanidade a través de proxectos tecnolóxicos nos que a comunidade é líder, como a receita electrónica ou o historial electrónico; e apoiando economicamente grandes proxectos tecnolóxicos innovadores. A estas medidas uniuse a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia”.
O presidente do Goberno galego explicou, así mesmo, que estas iniciativas da Axenda Dixital de Galicia terán continuidade con outras como: a aprobación na próxima lexislatura da Lei de desenvolvemento dixital de Galicia; seguir sendo pioneiros no impulso ás Redes de Telecomunicacións de alta velocidade en liña coas Directrices da UE que establece que en 2020 o 100% da poboación terán acceso a 30 Megas e o 50% a 100 Megas; e a posta en marcha de actuacións orientadas a promover a implementación práctica do Fogar Dixital, de xeito que se acheguen ao fogar un conxunto de servizos a través de infraestruturas e equipamento TIC, mellorando a calidade de vida das persoas e contribuíndo á sostibilidade dos servizos públicos.
Así mesmo, destacou a blindaxe das telecomunicacións como un servizo público máis para todos os galegos “e para conseguilo daremos continuidade á tramitación da Lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia”; a consolidación do Centro de Datos Integral, que entrou en funcionamento en setembro, como a infraestrutura chave para garantir o funcionamento dun sector público totalmente dixitalizado; continuar co impulso a innovación tecnolóxica nos sectores industriais estratéxicos de Galicia; e consolidar un sistema de apoio integral ao emprendemento TIC galego.
Logo de destacar que, a pesar do contexto de crise actual e da complicada situación que están atravesar moitas empresas, o sector das TIC está a ser capaz de manter o emprego; Feijóo concluíu a súa intervención felicitando a todos os galardoados pola súa contribución á mellora constante e á excelencia neste sector fundamental no desenvolvemento de Galicia. “Hoxe prémiase o enxeño e a creatividade, o esforzo e as ganas de seguir emprendendo e innovando, para que o progreso continúe impulsando á humanidade”.