Feijóo avanza que toda nova estrada de titularidade autonómica incluirá unha canalización para as telecomunicacións
Explica que a inclusión destas infraestruturas na fase de execución das obras non ten un impacto relevante nos orzamentos públicos, e a previsión é que, unha vez executada a obra, os operadores poidan facer uso destas canalizacións a cambio do pagamento dunha taxa polo uso do dominio público.
Asegura que esta medida ten un dobre obxectivo: en primeiro lugar, o impacto económico, posto que evita sobrecustos; e, en segundo lugar, axilizar notablemente o despregamento das novas tecnoloxías, á vez que o feito de contar xa con canalizacións establecidas facilitará a consecución de permisos e a velocidade da instalación.
Salienta que o decreto prevé un procedemento de coordinación cos operadores de telecomunicacións para que, antes de iniciarse a execución da obra, manifesten cales son as infraestruturas necesarias, se ben, a Administración autonómica obrígase a instalar un número mínimo de condutos de telecomunicacións independentemente da demanda observada.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación para a súa remisión ao Consello Consultivo do proxecto de decreto que regula a inclusión de infraestruturas de telecomunicacións en todos os proxectos de estradas promovidas polo sector público autonómico.
Coa aprobación deste decreto, Feijóo afirmou que a Xunta dá un paso fundamental para cumprir cos obxectivos marcados na primeira Lei de Telecomunicacións de Galicia, elaborada coa finalidade de blindar as telecomunicacións como un servizo público que debe ser garantido a todos os cidadáns, e segundo a cal toda nova estrada impulsada en Galicia levará as canalizacións previstas para o seu despregue.
A inclusión destas infraestruturas na fase de execución das obras non ten un impacto relevante nos orzamentos públicos, e a previsión é que, unha vez executada a obra, os operadores poderán facer uso destas canalizacións a cambio do pagamento dunha taxa polo uso do dominio público.
Axilizar o despregamento das novas tecnoloxías na Comunidade
O titular do Goberno galego asegurou que esta medida ten un dobre obxectivo: en primeiro lugar, o impacto económico; e, en segundo lugar, axilizar notablemente o despregamento das novas tecnoloxías, á vez que o feito de contar xa con canalizacións establecidas facilitará a consecución de permisos e a velocidade da instalación.
No tocante ao aspecto económico, Feijóo subliñou que esta iniciativa evita o sobrecuste que supón instalar estas tecnoloxías unha vez rematado o trazado, e reduce notablemente os custos da implantación das redes de telecomunicación, ao contar xa cunha canalización na que caben todos os operadores que necesiten utilizala.
Co fin de que as infraestruturas que se incorporen nas estradas sexan as máis axeitadas, o decreto prevé un procedemento de coordinación cos operadores de telecomunicacións de tal xeito que, antes de iniciarse a execución da obra, estes manifesten cales son as necesidades de infraestruturas que teñen nos diferentes treitos da estrada proxectada. Deste xeito, as canalizacións e espazos a reservar estarán axustados ás demandas dos operadores.
Non obstante, Feijóo precisou que a Administración autonómica obrígase a si mesma a instalar un número mínimo de condutos de telecomunicacións independentemente da demanda observada, co fin de poder atender aquelas que poidan xurdir no futuro.
Trátase, polo tanto, dixo, de “impulsar o despregamento” de infraestruturas de telecomunicacións, e de “aproveitar a sinerxía” dos proxectos de construción de novas estradas autonómicas, aseverou, ao tempo que destacou numerosas vantaxes: aforro en tempo e investimento, mellora do aproveitamento do uso do dominio público, e mellora dos servizos públicos, xa que as administracións empregarán estas canalizacións para as súas propias redes como as de emerxencias, os servizos de teleasistencia, os servizos de banda larga móbil, etc.
Por último, o responsable do Executivo autonómico incidiu en que con este decreto dáse un paso moi relevante para cumprir cun obxectivo prioritario da Lei de Telecomunicacións, que é garantir ese servizo público aos galegos, como se fai coa luz ou coa auga, no menor tempo posible e da forma máis coordinada e planificada posible.
Así mesmo, e con ese mesmo fin, Feijóo avogou por seguir con outras medidas como a previsión de fixar como obrigatoria a incorporación de infraestruturas de Fogar Dixital en vivendas de nova construción.