Feijóo avanza que o proxecto fogar dixital asistencial, dotado con máis de 3,5 millóns, permitirá aos pacientes crónicos un seguimento continuo do seu estado de saúde desde o fogar ao poder enviar información en tempo real ao seu hospital de referencia
Cualifica o proxecto como un proxecto tecnolóxico “de extraordinaria importancia social”, que supón dar máis sanidade a un custe menor; “un proxecto co que Galicia se adianta ao resto das comunidades”
Explica que esta iniciativa atópase dentro do proxecto Fogar Dixital, un dos 26 proxectos que teñen un financiamento por parte de fondos europeos e fondos da Xunta, no programa Feder-Innterconecta
Subliña o compromiso do Goberno galego coas infraestruturas tecnolóxicas, reflectido na Axenda Dixital 2014.gal, “un compromiso –lembra- de 1.600 millóns de euros”
Recorda que co Plan de Banda Larga, a finais de 2013, 1,3 millóns de galegos terán acceso a redes de 100 Megas
Subliña que a Lei de Telecomunicacións de Galicia concibe as telecomunicacións como un servizo público como é a auga ou a luz eléctrica; “e significa, tamén, que en todas as vivendas novas que se fagan, a partir da entrada en vigor da lei, teñen que estar preparadas para construír un fogar dixital”
Asegura que no ano 2014, cando finalice a Axenda Dixital, “estaremos nunha posición de competitividade da nosa economía, onde Galicia estará na vangarda da tecnoloxía, non só desde o punto de vista da cobertura do territorio, senón desde o punto de vista dos servizos”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, que o proxecto Fogar Dixital Asistencial, dotado con máis de 3,5 millóns de euros, permitirá a implantación de dispositivos nos fogares dos pacientes crónicos para enviar, en tempo real, información ao seu hospital de referencia sobre o seu estado de saúde. “Significa trasladar a infraestrutura sanitaria aos fogares dos galegos que padezan patoloxías crónicas e que precisen facer un seguimento continúo do seu estado de saúde. É como ter monotorizado a un paciente que necesita mandar información permanente ao seu hospital, tanto desde o punto de vista cardiolóxico, diabético ou calquera outro tipo de patoloxía crónica”, explicou.
Logo de destacar que no consorcio do proxecto participan “R”, outras empresas galegas, universidades galegas e un centro hospitalario, Feijóo cualificou o Fogar Dixital Asistencial como un proxecto tecnolóxico “de extraordinaria importancia social”, que supón dar máis sanidade a un custe menor; “un proxecto –engadiu- co que Galicia se adianta ao resto das comunidades”.
O responsable autonómico explicou que esta iniciativa atópase dentro do proxecto Fogar Dixital, un dos 26 proxectos que teñen un financiamento por parte de fondos europeos e fondos da Xunta, no programa Feder-Innterconecta. “Vinte e seis proxectos que están mobilizando 60 millóns de euros e nos que están 106 empresas galegas. Unha das maiores apostas, sen dúbida, en materia tecnolóxica que nunca se fixo na comunidade e que se veñen a sumar aos 90 millóns de euros que estamos investindo en todo o que se refire á Galicia Saúde, tanto Innova Saúde como Hospital 2050”.
Durante a súa intervención, Feijóo aseverou que a redefinición dun modelo económico pasa por conquerir un territorio competitivo, “un territorio que poda diminuír os custes das empresas, facilitar a conectividade dos fogares e que é capaz de competir co resto dos territorios dos países máis avanzados do mundo”.
E, neste sentido, subliñou o compromiso do Goberno galego coas infraestruturas tecnolóxicas, reflectido na Axenda Dixital 2014.gal, “un compromiso –lembrou- de 1.600 millóns de euros, porque entendemos que priorizar neste momento as infraestruturas tecnolóxicas é necesario. Sen dúbida, están fortalecendo a nosa economía e están preparando a unha Galicia do futuro fronte a novos modelos de crecemento económico”.
Así mesmo, referiuse ao proxecto principal da Axenda Dixital 2014.gal, o Plan de Banda Larga 2010-2013, que ten como obxectivo garantir a conexión de internet de nova xeración á inmensa maioría dos fogares galegos e asegurar a banda larga, con independencia e con distintas calidades, ao 100% do territorio da comunidade. “Dentro deste obxectivo temos un específico, que é a banda larga con calidade de 100 Megas. Neste ano 2012, preto de 1 millón de galegos dispoñen de acceso a banda larga de 100 Megas. E o obxectivo é que a finais de 2013, 1,3 millóns de galegos teñan acceso a redes de 100 Megas”.
Así mesmo, o titular da Xunta asegurou que esta idea de despregar banda larga na comunidade está reflectida na primeira Lei de Telecomunicacións de Galicia, “que o Goberno galego aprobou e remitiu ao Parlamento e coa que apostamos por un novo concepto das telecomunicacións”
“As telecomunicacións teñen que ser un servizo público como é a auga, o abastecemento ou a luz eléctrica. As telecomunicacións, na Galicia do futuro teñen que ser un servizo público e isto significa: compromisos para as administracións públicas e, por exemplo, que en todos os edificios públicos que se constrúan na comunidade teñan que ter previstas infraestruturas tecnolóxicas; que todas as infraestruturas viarias que a Xunta execute teñan que ter unhas canles por onde circulen as tecnoloxías e a fibra; e significa que, en todas as vivendas novas que se fagan, a partir da entrada en vigor da lei, teñen que estar preparadas para construír un fogar dixital”.
Diante deste panorama, Feijóo concluíu afirmando que, no ano 2014, cando finalice a Axenda Dixital, “estaremos nunha posición de competitividade da nosa economía, onde Galicia estará na vangarda da tecnoloxía, non só desde o punto de vista da cobertura do territorio, senón desde o punto de vista dos servizos”.