Feijóo avanza que o Plan de Modernización da Administración Pública, dotado con 26 millóns ata 2013, incrementará a proximidade co cidadán, a transparencia nos procesos administrativos e a competitividade
O plan permitirá tramitar telematicamente e de xeito integral os procedementos administrativos, eliminar a petición de documentación cando esta xa conste na Administración e facer que a web da Xunta sexa a canle principal de relación entre empresas e cidadáns coa Administración.
Mellorarase a atención cun sistema único de atención ao cidadán, haberá un único Rexistro Electrónico para todos os expedientes que se presenten na Xunta e porase en marcha un arquivo documental dixital.
No ano 2010 o plan prevé que todos os empregados públicos estean acreditados dixitalmente, ter eliminado a petición de documentación básica que xa consta na Administración, ter definido un novo modelo de rexistro e un novo sistema de información ao cidadán.
No 2011 a totalidade dos procedementos administrativos poderanse tramitar de xeito telemático co conseguinte “aforro de tempo, de papel, co incremento da axilidade e, sobre todo –di Feijóo- cunha diminución de custos”.
O compromiso para o ano 2012 é tramitar todas as subvencións da Xunta a través deste sistema telemático; “imos buscar, e estou seguro que imos conseguir, unha relación telemática entre a Administración e o cidadán e imos facer posible unha Administración electrónica”, sinala.
“Estamos elaborando o Plan estratéxico de telecomunicacións 2009-2013, cun orzamento de 260 millóns de euros, aprobamos xa, dentro deste Plan estratéxico, o Plan de banda ancha con 102 millóns de euros co obxectivo de chegar en banda ancha á totalidade do territorio de Galicia, e hoxe aprobamos unha estratexia global tecnolóxica no ámbito da Administración”. Así o avanzou esta mañá o presidente da Xunta na rolda de prensa tras o Consello da Xunta, que hoxe coñeceu un informe sobre o Plan de modernización da Administración pública, un plan dotado con 26 millóns de euros ata 2013 e que, en palabras de Feijóo, busca incrementar a proximidade da Administración co cidadán, a transparencia nos procesos administrativos e a competitividade de Galicia, facilitando o acceso á Administración tanto de empresas como de cidadáns.
“Imos buscar, e estou seguro que imos conseguir, unha relación telemática entre a Administración e o cidadán e imos facer posible unha Administración electrónica”, aseverou o mandatario autonómico explicando que este Plan de modernización recolle diversas medidas para lograr uns obxectivos “ambiciosos, pero obrigados”: tramitar de xeito integrar, de forma telemática, os procedementos administrativos; eliminar a petición de documentación cando esa documentación xa consta na Administración pública noutros expedientes; facer que a web da Xunta sexa a canle principal de relación entre empresas e cidadáns coa Administración; mellorar a atención cun sistema único de atención ao cidadán; poñer un único rexistro telemático para todos os expedientes que se presenten na Xunta; e poñer en marcha un arquivo documental dixital.
Compromisos anuais
Feijóo explicou que o Plan de modernización recolle compromisos anuais concretos. Así, neste ano 2010 o plan prevé que todos os empregados públicos estean acreditados dixitalmente cunha tarxeta dixital. “Tamén neste ano se terá eliminado a petición de documentación básica que xa consta na Administración”, engadiu o mandatario autonómico asegurando que tamén neste exercicio “imos tentar ter definido un novo modelo de rexistro e un novo sistema de información ao cidadán”.
Para o 2011, esta medida prevé que a totalidade dos procedementos administrativos, incluídos na Directiva de servizos, se poderán tramitar de xeito telemático, co conseguinte “aforro de tempo, de papel, co incremento da axilidade e, sobre todo –recalcou Feijóo-, cunha diminución dos custos”.
O compromiso para o ano 2012 é tramitar todas as subvencións da Xunta a través deste sistema telemático.
“Nisto consiste a Administración electrónica e nisto consiste o investimento de 26 millóns de euros que vai destinado aos cidadáns, aos emprendedores e aos empregados públicos”, abondou o titular do Goberno galego lembrando que este Plan de modernización da Administración pública é un obxectivo “de lexislatura e un dos motivos polos que a Secretaría xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica foi unha estrutura creada dependendo directamente do presidente da Xunta”, concluíu.