Feijóo avanza que a nova Lei de Accesibilidade promoverá a igualdade de acceso no ámbito das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e os servizos das administracións públicas

Venres 29 de Xuño de 2012

Feijóo avanza que a nova Lei de Accesibilidade promoverá a igualdade de acceso no ámbito das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e os servizos das administracións públicas

Asegura que o novo documento levarase ao Parlamento este mesmo ano

Subliña a aposta da Xunta pola xestión en emerxencia, conscientes de que se trata dun servizo fundamental e que investir nel é investir na seguridade dos cidadáns e na súa calidade de vida

Explica que o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, concentrará na Estrada todos os recursos destinados á xestión das emerxencias, a través do 112, así como a formación en materia de resposta ás emerxencias para colectivos como Protección Civil, bombeiros ou policías locais

Di que a cooperación e a colaboración é fundamental para poder prestar servizos públicos cada vez mellores aos cidadáns e salienta que o proxecto Ariem permitirá establecer un mecanismo de colaboración entre os servizos de xestión de emerxencias e mobilización de recursos entre Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal

Afirma que o Reach 112 é moito máis que un avance na xestión das emerxencias, máis que un exemplo da cooperación europea e máis que un novo paso a favor da integración das persoas con discapacidade. “Do seu éxito e do seu despregamento eficaz depende en ocasións salvar vidas”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a nova Lei de Accesibilidade incluirá un apartado específico para promover a igualdade de acceso no ámbito das telecomunicacións, as novas tecnoloxías e os servizos que prestan as Administracións públicas. “Ir máis alá da accesibilidade arquitectónica, facilitando o acceso das persoas con discapacidade aos espazos, aos produtos e aos servizos en igualdade de condicións que o resto da poboación. Con este obxectivo estamos elaborando este novo texto, que levaremos ao Parlamento este mesmo ano”, aseverou.

Durante a clausura da Conferencia REACH 112, congreso organizado pola Axencia Galega de Emerxencias e a Asociación Europea do Número único de Emerxencias 112, Feijóo afirmou que un dos grandes retos do noso tempo en materia de discapacidade é a busca da accesibilidade universal. “Estamos falando de accesibilidade no sentido máis amplo da palabra, tomando conciencia da necesidade de avanzar cara a accesibilidade como elemento transversal que afecta a todos os ámbitos da vida e da sociedade”.

Neste sentido, subliñou que para logralo, este Reach 112 constitúe un avance enormemente significativo no ámbito das emerxencias, “xa que con iniciativas coma as que hoxe se analizan neste congreso, cumprimos co principio de igualdade dos cidadáns. A igualdade no acceso aos servizos públicos esenciais debe incluír o acceso aos servizos de emerxencias, son os máis esenciais e necesarios”.

Así mesmo, o presidente do Goberno galego destacou a aposta da Xunta pola xestión en emerxencia, conscientes de que se trata dun servizo fundamental e que investir nel é investir na seguridade dos cidadáns e na súa calidade de vida.

“Por iso –precisou- estamos construíndo un moderno e avanzado Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, que concentrará na Estrada todos os recursos destinados á xestión das emerxencias, a través do 112, así como a formación en materia de resposta ás emerxencias para colectivos como Protección Civil, bombeiros ou policías locais. Formación, xestión e resposta ás emerxencias concentradas nun mesmo lugar, dotadas tecnoloxicamente e coas mellores instalacións. Pero tamén, coordinación para garantir a maior operatividade nas emerxencias. Un marco estable de cooperación en materia de emerxencias máis alá das fronteiras, que garanta a asistencia mutua e a mellor resposta aos cidadáns”.

Con este obxectivo, o responsable autonómico referiuse tamén á posta en marcha do proxecto Ariem, que se atopa moi avanzado e que vai permitir establecer un mecanismo de colaboración entre os servizos de xestión de emerxencias e mobilización de recursos entre Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal.

Feijóo concluíu a súa intervención subliñando que a cooperación e a colaboración é fundamental para poder prestar servizos públicos cada vez mellores aos cidadáns. “E con este mesmo obxectivo –engadiu- está tamén en marcha este proxecto Reach, que reúne neste congreso a 200 especialistas de toda Europa e que tamén se basea en cooperar máis alá das fronteiras e ofrecer a mellor resposta aos cidadáns. Neste caso, ás persoas con discapacidade auditiva en caso de emerxencias”.

O titular da Xunta resaltou que o Reach 112 é moito máis que un avance na xestión das emerxencias, máis que un exemplo da cooperación europea, máis que un novo paso a favor da integración das persoas con discapacidade. “Do seu éxito e do seu despregamento eficaz depende en ocasións salvar vidas”, salientou.