Feijóo avanza que a Lei de investigación e innovación permitirá un novo marco, no que se promoverá a colaboración entre o ámbito público e privado
Precisa que o novo texto está centrado en acelerar a transición a un novo modelo económico e social
Afirma que a nova lei supera un corpo normativo obsoleto e se adapta ás normativas estatais e europeas pero, tamén, a novidades autonómicas, “xa que, nesta lei, se volve a consolidar a Axencia Galega de Innovación e os obxectivos do Plan I2C
“Embarca ás empresas, á universidade e á Administración nun único obxectivo, porque entendemos que a estratexia da innovación para os próximos anos non pode ser un arquipélago de illas inconexas senón que ten que ser un conxunto de diversos actores que camiñemos xuntos na mesma dirección”, di
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, este mediodía, na rolda de prensa do Consello, a aprobación do proxecto de Lei de investigación e innovación; unha nova normativa que, segundo explicou, permitirá un novo marco, no que se promoverá a colaboración entre o ámbito público e privado, “buscando que cada euro que destinamos a I+D teña un resultado concreto en beneficio da sociedade galega”.
Logo de precisar que o novo texto está centrado en acelerar a transición a un novo modelo económico e social, Feijóo explicou, polo miúdo, os catro aspectos fundamentais para entender a norma: actualidade, unidade, participación e resultados.
No tocante ao primeiro aspecto, subliñou que esta lei pretende ser acorde coa realidade actual, dado que supera un corpo normativo obsoleto –a anterior norma contaba con 20 anos de vixencia; se adapta ás normativas estatais e europeas pero, tamén, a novidades autonómicas, “xa que, nesta lei, se volve a consolidar a Axencia Galega de Innovación e os obxectivos do Plan I2C”; e prevé mecanismos de actualización constante, a través do Observatorio Galego da Innovación.
Así mesmo, afirmou que esta lei fomenta a unidade na súa orixe e a unidade na súa aplicación. “Foi consensuada co Sistema Galego de Innovación, coa incorporación das achegas das universidades galegas e do Consello Superior de Investigacións Científicas. E embarca ás empresas, á universidade e á Administración nun único obxectivo, porque entendemos que a estratexia da innovación para os próximos anos non pode ser un arquipélago de illas inconexas senón que ten que ser un conxunto de diversos actores que camiñemos xuntos na mesma dirección”.
No tocante á participación, o titular da Xunta avanzou a creación do Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia, que agrupará ás canles de participación existentes para acertar en cada euro que invistamos en innovación.
Segundo Feijóo, o obxectivo do novo texto é que os resultados se podan materializar e que se podan medir desde o punto de vista de resultados prácticos. “A aposta pola innovación supón recoller a necesidade de aumentar a esixencia dos resultados, é dicir, incrementar a colaboración entre a investigación pública e os emprendedores para obter unha innovación aplicada”.
“En definitiva, estamos a falar dunha lei que trata de fomentar a innovación en dúas fases: captación e retención do talento das universidades galegas; e, a segunda, rendemento económico e social dese talento captado nas universidades galegas, rendemento económico e social nas empresas galegas”.
Pola súa banda, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, afirmou que esta normativa busca un cambio de modelo ante un mercado global. “Temos que competir nun mercado global, temos que internacionalizar as nosas empresas e solo poderemos ser competitivos se as nosas empresas, os centros tecnolóxicos e as universidades comprenden que a innovación é a única forma de que teñamos posibilidades de competencia neste ámbito global”.
Así mesmo, referiuse aos principios xerais da Lei: valorización, “é dicir, acabar a ecuación coñecemento-economía”; eficiencia, “facer máis con menos e facelo mellor”; avaliación continua e medición de resultados, “na busca da excelencia”; e aumento de competitividade do sector empresarial galego.
Programa de apoio á época predoutoral; máis de 5 millóns de euros
O responsable do Goberno galego destacou tamén o desbloqueo dun investimento necesario para poder ampliar o Programa de apoio á época predoutoral, cunha inxección económica de 5,5 millóns de euros. “Isto supón que os cursos 2011-2012 son os cursos de maior oferta de contratos predoutorais no sistema de investigación galego, é dicir, do sistema das universidades galegas. E isto supón un 25% máis de prazas que os anos anteriores”.
Feijóo precisou que esta convocatoria presta especial atención a dous sectores estratéxicos, no que se refire ao Campus Vida e ao Campus do Mar.