Feijóo avanza que a centralización da política da auga nun único organismo, Augas de Galicia, e a creación da Axencia Galega de Innovación contribuirán a unha Administración “máis pequena, máis barata e máis eficiente”
Explica que a posta en marcha dun único organismo para toda a administración hidráulica galega supón “máis austeridade, desde o punto de vista de gasto corrente; e máis axilidade, xa que dividimos a administración hidráulica galega en catro áreas”
“Emprendedores, universidades, centros tecnolóxicos e Xunta terán un único paraugas que será a Axencia de Innovación da Comunidade”, di
O Consello da Xunta aproba unha norma que obriga a todas as consellerías a ofrecer por vía telemática todos os novos trámites administrativos que poñan en marcha
Feijóo asegura que o obxectivo “ambicioso” do Goberno galego é que en 2013 o 100% dos trámites se poidan facer a través de internet
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou, este mediodía, na rolda de prensa do Consello, que a centralización da política da auga nun único organismo, Augas de Galicia, e a creación da Axencia Galega de Innovación (AGI), como único organismo para toda a innovación da comunidade autonómica, contribuirán a unha Administración “máis pequena, máis barata e máis eficiente”.
“Hoxe, coroamos a centralización da política da auga, da política das infraestruturas hidráulicas nun único organismo, con máis competencias e con máis coordinación. O Consello da Xunta acaba de aprobar os estatutos do futuro organismo autónomo Augas de Galicia. Supón a fusión do organismo autónomo Augas de Galicia e do Ente Público de Obras e Servizos Hidráulicos”, explicou o presidente do Executivo galego, nun primeiro termo.
Segundo avanzou Feijóo, esta decisión implica “máis austeridade, desde o punto de vista de gasto corrente; e máis axilidade, xa que dividimos a administración hidráulica galega en catro áreas: área técnica, área de servizos e asesoría xurídica, área de xestión do dominio público hidráulico e área económico-financeira”.
Axencia Galega de Innovación
No referido ao ámbito da innovación, o titular da Xunta afirmou que a creación da Axencia Galega de Innovación suporá a supresión da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial. “Agrupamos a dirección xeral que extinguimos e o que resta desta fundación -diminuída en máis dun 60% o número de persoas que traballan nela-, nun único organismo que é a AGI”, explicou para engadir que a nova axencia estará presidida polo conselleiro de Economía e Industria.
Segundo avanzou Feijóo, o Observatorio da Innovación en Galicia, o Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Innovación e a Plataforma da Innovación Galega serán os tres instrumentos que se empreguen para avaliar e estudar as políticas da Xunta “e para buscar monotorización dos resultados de cada euro que investimos en innovación e, tamén, para buscar unha plataforma de interacción entre todos os axentes que fan innovación en Galicia: as empresas, as universidades e a administración autonómica”.
“Trátase de traballar cun modelo de xestión por obxectivos; de someter o diñeiro que investimos en innovación a un proceso de avaliación continua. Non se trata de investigar só, senón de que esa investigación produza efectos en innovación para as empresas e para as organizacións. Emprendedores, universidades, centros tecnolóxicos e Xunta terán un único paraugas que será a Axencia de Innovación da Comunidade”, aseverou.
A sede electrónica, menos cargas administrativas e menos custos
Por outra banda, o presidente galego destacou, tamén, a aprobación por parte do Consello da Xunta dunha norma que obriga a todas as consellerías a dar a posibilidade de tramitar por vía telemática cada un dos novos procedementos administrativos que poñan en marcha. “Polo tanto, non poderá haber un trámite administrativo autorizado pola Xunta de Galicia que os cidadáns e as empresas non poidan iniciar e non poidan conectar a través da tecnoloxía, a través de internet”, incidiu.
Núñez Feijóo asegurou que o obxectivo desta norma é “seguir apostando pola sede electrónica, por unha Xunta máis pequena pero por unha Xunta con máis servizos”. “Unha Xunta cun horario de 24 horas –afondou-, apostando por un obxectivo sen dúbida ambicioso de que o 95% dos trámites entre a Xunta e os administrados se poidan facer on line no ano 2012 e que no ano 2013 esteamos en condicións de acadar o 100%, é dicir unha Administración sen papeis polo menos na relación cos administrados e as empresas”.
O titular da Xunta salientou que estas medidas supoñen unha diminución das cargas administrativas e dos custos. Neste sentido, puntualizou que se trata dun proxecto “difícil” pero que hai que conquerir “máis cedo que tarde”, o de conseguir que a Xunta de Galicia sexa unha das administracións tecnoloxicamente máis potentes de España, como o é xa no eido da tecnoloxía sanitaria.