Feijóo avanza a contratación de novos contidos educativos para reforzar a plataforma do libro dixital
O Goberno galego incorporará novos provedores de contidos dixitais xerais e específicos de inglés cun novo contrato dotado con ata 2,7 millóns de euros ata 2020
O titular do Goberno galego explicou que se creará un espazo para que os profesores poidan elaborar os seus propios contidos educativos dixitais
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou hoxe na rolda de prensa do Consello que o Goberno galego autorizou a contratación de novos contidos educativos para reforzar a plataforma do libro dixital, da que disporán 154 centros e máis de 11.600 alumnos o vindeiro curso.
Segundo explicou o titular do Executivo autonómico, mediante o novo contrato, dotado con ata 2,7 millóns de euros ata 2020, incorporaranse, mediante un concurso público, un terceiro provedor de contidos dixitais para as materias que se imparten entre 5º de Primaria e 2º de ESO, e un cuarto para as materias de inglés destes niveis educativos. Estes contidos sumaranse aos que xa subministra a empresa tecnolóxica Netex e a editorial Edebé.
Ao abeiro deste acordo, crearase un espazo para que os profesores poidan elaborar os seus propios contidos educativos dixitais, para o que as empresas TIC e audiovisuais porán as ferramentas necesarias. Ademais, porase en marcha un plan de formación nos centros sobre todo as iniciativas que acompañan á implantación do libro dixital para os docentes. Feijóo explicou que, mediante esta iniciativa, o Goberno galego aspira a crear “unha rede de contidos de alto valor pedagóxico” en cuxa elaboración participen os docentes.
O titular da Administración autonómica detallou que, para que o acceso ao libro dixital sexa efectivo, nos próximos dous anos adquiriranse 22.000 ordenadores portátiles, dos que se poderán beneficiar os alumnos e docentes dos centros que conten co servizo. Este acordo contempla un servizo de soporte premium 24 horas os sete días da semana en liña e telefónico.
Feijóo tamén resaltou que, a finais de 2018, o 100 % dos centros públicos de primaria e secundaria nos que se implante o libro dixital terán un acceso a Internet de 100 megas como mínimo, do que xa dispoñen o 46% dos colexios e institutos. O presidente da Xunta finalizou lembrando que, para acadar as liñas de actuación propostas cara ao ensino dixital destinaranse 27 millóns de euros o próximo curso.