Feijóo asegura que a chegada da internet ao Camiño de Santiago “contribúe a que o carácter democrático e universal das rutas xacobeas se vexa aínda máis reforzado”
Remarca que “mediante este acordo iníciase un Camiño de Santiago de terceira xeración” que suporá “unha valiosa compaña para o peregrino e un importante aliado para o Camiño”
Asegura que grazas a implantación da Internet “calquera poderá compartir as súas experiencias peregrinas en tempo real e con destino a calquera parte do mundo”
“É posible” modernizar o Camiño de Santiago “sen que perda un ápice das súas propiedades máis tradicionais”, afirma
O convenio artéllase en torno a tres grandes epígrafes: análise e diagnóstico da situación actual do Camiño, desenvolvemento de aplicacións móbiles e xestión de contidos, e dotación do Camiño Francés de rede wifi gratuíta en establecementos de hostalería
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou no día de hoxe un acordo de colaboración co ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, para o impulso do Camiño de Santiago Intelixente. O titular do Goberno Autonómico salientou a importancia dun convenio que “contribúe a que o carácter democrático e universal das rutas xacobeas se vexa aínda máis reforzado”.
Núñez Feijóo recordou na súa intervención a chegada a Santiago de millóns de camiñantes desde o descubrimento da tumba do Apóstolo e afirmou que “a única posibilidade para igualar a forza coa que as rutas xacobeas se expandiron polo mundo é a forza da Internet”. Para o presidente, “mediante este acordo iníciase un Camiño de Santiago de terceira xeración” que suporá “unha valiosa compaña para o peregrino e un importante aliado para o Camiño”.
Neste sentido, destacou as distintas “aplicacións móbiles e contidos interactivos que amplían notablemente os seus recursos no Camiño”. Dentro deste grupo o xefe do Executivo galego destacou a dotación de rede wifi gratuíta no 100% dos establecementos do Camiño Francés,a posibilidade de acceder a toda a información relevante sobre o Camiño, ou a aplicación que permita selar e obter a Compostela vía web.
Ademais, Feijóo subliñou como “a implantación da Internet na ruta xacobea é un elemento de promoción dificilmente igualable” e grazas ao que “calquera poderá compartir as súas experiencias peregrinas en tempo real e con destino a calquera parte do mundo”.
Segundo o máximo mandatario da Xunta de Galicia, “é posible” modernizar o Camiño de Santiago “sen que perda un ápice das súas propiedades máis tradicionais”. “A vocación dos peregrinos que chegan a Santiago tamén é unha vontade sen fíos, sen ataduras”, dixo. “Coa mesma filosofía incorporamos novas posibilidades interactivas ao Camiño”, continuou. Deste xeito non existe “nin un solo obstáculo para quen queira seguir a ruta xacobea e poida configurar a súa viaxe ao seu gusto”, apuntou.
Un convenio artellado en tres epígrafes
A Xunta de Galicia asina este convenio para cumprir o seu obxectivo de potenciar e fortalecer o Camiño de Santiago, aproveitando a oportunidade que ofrecen as novas tecnoloxías co fin de proxectar Galicia ao mundo. Pola súa banda, o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, está a desenvolver o proxecto ‘Destinos Turísticos Intelixentes’ para facilitar a incorporación de innovacións dos destinos turísticos, dotándoos de tecnoloxía, fomentando o desenvolvemento sostible e a xeración de experiencias turísticas integrais.
Deste xeito, Xunta e Ministerio abordan o impulso e mellora da dixitalización do Camiño de Santiago e establecen unha colaboración para o desenvolvemento de accións dirixidas a incorporar ao Camiño de Santiago os elementos básicos que o convertan nun ‘Destino Turístico Intelixente’.
O convenio artéllase en torno a tres grandes epígrafes. Dunha banda, contémplanse accións encamiñadas á análise e diagnóstico da situación actual do Camiño de Santiago para a súa transformación nun ‘Destino Turístico Intelixente’ desde o que se analizarán os proxectos de mellora da tecnoloxía e do seu uso realizados nos últimos anos a través da Axencia de Turismo de Galicia e o Xacobeo.
Doutra banda, levarase a cabo o desenvolvemento de aplicacións móbiles e xestión de contidos para transformar o Camiño en ‘Camiño Turístico Intelixente’: aplicación para a obtención da ‘Compostela’ a través do uso das novas tecnoloxías, uso de códigos QR para descargar información de interese, códigos QR para identificar diferentes servizos, ou contidos que permitan integrar ás empresas no ‘Destino Turístico Intelixente.
Por último, executarase a dotación do Camiño Francés de Santiago de rede wifi gratuíta en establecementos de hostalería.