Feijóo anuncia que a Xunta porá en marcha unha nova orde de axudas por valor de 15 millóns de euros para estender a banda larga en 11.000 núcleos do rural
Resalta a aposta estratéxica do Goberno galego pola innovación e a Sociedade do Coñecemento como un dos piares para o desenvolvemento futuro
Destaca que o Goberno galego conta cunha “folla de ruta clara” para cumprir este obxectivo, a Axenda Dixital de Galicia
Explica que en só un ano o Plan de Banda Larga posibilitou a conexión a internet a 250.000 persoas que carecían de cobertura
Subliña que a rede Cemit, cuxa aula de Ponteareas visitou esta mañá, está presente xa en 89 concellos con 94 aulas nas que este ano se formarán 12.000 persoas
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que nos vindeiros días sairá publicada no DOG unha nova orde de axudas por valor de máis de 15 millóns de euros para estender a banda larga en 11.000 núcleos do rural e chegar a máis de 250.000 galegos entre este ano e o 2013. Así o anunciou o presidente galego durante a súa visita, esta mañá, ao Centro de Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMit) de Ponteareas, onde recalcou a aposta estratéxica do seu Goberno pola innovación e a Sociedade do Coñecemento como un dos piares para o desenvolvemento futuro.
O presidente galego destacou o traballo da Xunta a prol da extensión da Banda Larga, un obxectivo para o que conta cunha “folla de ruta clara”, a Axenda Dixital de Galicia que, segundo concretou, ten permitido posibilitar o acceso á banda larga a todos os galegos, modernizar a Administración, e promover a integración das TIC especialmente nos ámbitos de máis repercursión social como a Educación, a Sanidade e a Xustiza.
O obxectivo da Xunta, subvencionar o acceso a internet en 8.200 fogares
O titular da Xunta asegurou que para que os galegos deixen atrás a fenda dixital é preciso superar diferentes barreiras económicas, de infraestruturas e de alfabetización dixital. “O obxectivo é durante os anos 2011 e 2012 axudar a 8.200 familias galegas, subvencionar en 8.200 fogares” o acceso a internet. Isto supón, dixo, que aproximadamente 25.000 galegos van ter acceso a internet financiado con axudas públicas da Administración autonómica.
Sobre as barreiras en materia de infraestruturas, o presidente galego salientou a posta en marcha, o ano pasado, do Plan de Banda Larga para facilitar o acceso a internet a todos os galegos. Así, explicou que en menos dun ano o plan posibilitou a conexión á rede a 250.000 persoas que carecían de cobertura, entre eles preto de 3.000 veciños do concello de Ponteareas. Segundo precisou, no conxunto da comarca se incrementou a cobertura de internet do 68% existente en 2009 a máis do 91% actual o que significa, dixo, que nesta zona “hai 10.000 persoas que antes non tiñan acceso a internet e que agora si o teñen”.
A rede CeMit, presente xa en 89 concellos
No tocante á segunda barreira, a da alfabetización dixital e a formación da cidadanía en materia tecnolóxica, Feijóo salientou o papel da rede de centros Cemit, unha rede da que forma parte o CeMit de Ponteareas, e que está xa presente en 89 concellos con 94 aulas nas que, segundo as previsións do Goberno galego, se formarán este ano máis de 12.000 persoas.