Feijóo anuncia que a Xunta achegará “2,4 millóns de euros” para desenvolver 7 estacións de electromobilidade “nas sete grandes cidades galegas”
Sinala que Galicia “quere seguir á vangarda” do coche con iniciativas como esta que se suma a da fabricación dos primeiros vehículos eléctricos en España a través de “dúas furgonetas que se farán na factoría PSA-Peugeot Citroën de Vigo”
Avanza a aprobación dunha iniciativa “pioneira no Estado” que permitirá a tramitación telemática das licenzas urbanísticas grazas a un convenio entre a Xunta e o Colexio de Arquitectos
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa posterior ao Consello, que o seu Goberno investirá “2,4 millóns de euros” para desenvolver sete estacións de electromobilidade “nas sete grandes cidades galegas”. “Estamos traballando dende hai xa un ano e medio da man do clúster do automóbil e queremos seguir á vangarda, dentro do estado español, do coche eléctrico, que entendemos que sen dúbida ocupará unha porcentaxe importante de produción de venta e de utilización sobre o total de coche tradicionais de combustión”, incidiu.
Neste sentido, Feijóo subliñou que a Xunta traballa para estender, a medio prazo, un novo modelo de mobilidade en Galicia”, para o cal aplícase “en todas as frontes” “Na normativa, –explicou Feijóo- coa aprobación do decreto de infraestruturas de carga para vehículo eléctrico –primeira comunidade autónoma que o aproba-; na administrativa, na creación da mesa de fomento de mobilidade eléctrica de Galicia; e na comercial, para desenvolver os primeiros coches eléctricos en Galicia”.
Núñez Feijóo lembrou, así, que Galicia vai a ser pioneira na fabricación dos primeiros vehículos eléctricos en España a través de “dúas furgonetas que se farán na factoría PSA-Peugeot Citroën de Vigo”, e cuxas primeiras 10.000 a 15.000 unidades “levarán a marca Galicia”. Actuación a que se suma, explicou Feijóo, esta “rede de electrolineras nas sete grandes cidades galegas para insistir e estar no vértice do avance do coche eléctrico no mundo”.
“Estrito” cumprimento da Axenda Dixital
O xefe do Goberno subliñou hoxe a aprobación polo Consello da Xunta da primeira orde de axudas autonómicas destinada a subvencionar a conexión a internet de arredor de 8.200 familias galegas con escasos recursos. Feijóo indicou que con esta medida o Executivo autonómico continúa a darlle “estrito cumprimento” á Axenda Dixital de Galicia 2014 Punto Gal, que sitúa entre as prioridades da Administración autonómica a dotación de infraestruturas tecnolóxicas.
Esa estratexia permitiu xa que desde o ano 2010, cando “se reduciu nun terzo a poboación en zona de sombra” e fixo posible que “250.000 galegos teñan cobertura de internet por primeira vez”. Acutalmente a Xunta traballa co obxectivo de chegar a outros 250.000 galegos e 11.000 fogares entre o presente ano e o ano 2013.
O presidente da Xunta explicou que con esa meta, o Consello aprobou hoxe una convocatoria de axudas para que as familias con posibilidade de acceder ás infraestruturas de acceso a internet “realmente utilicen esa infraestrutura”. Trátase, “de garantir o acceso universal a esta tecnoloxía”, e concretou que serán subvencións destinadas a fogares cunha renda per capita igual ou inferior a 9.000 euros, e que se materializarán mediante unha axuda única anual que cubrirá aproximadamente o 40% do custo da tarifa, é dicir, 180 euros ao ano.
No marco da Axenda Dixital 2014 Punto Gal situou tamén Alberto Núñez Feijóo a aprobación polo Consello dunha iniciativa “pioneira no Estado”, o acordo entre a Xunta e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) que permitirá a tramitación telemática das licenzas urbanísticas. Segundo explicou, o obxectivo deste acordo é dotar de “maior axilidade e máis transparencia” este proceso, creando “unha pasarela telemática para que os visados de todos os proxectos construtivos que fai o Colexio de Arquitectos se trasladen vía telemática aos concellos galegos”.
Feijóo indicou que esta medida permitirá “o aforro de varias toneladas de papel”, tendo en conta que a media de visados anual nos últimos tres anos é de máis de 12.000. O obxectivo é, apuntou, que “neste 2011 se supriman de forma progresiva as cantidades inxentes de papel permitindo a todas as entidades locais obter a información e a documentación do visado colexial a través dun portal web”.
O presidente galego, que agradeceu a colaboración do Colexio de Arqutiectos, manifestou o seu obxectivo de que este proxecto se leve ata o final, conseguindo tamén que non só a tramitación, senón tamén a concesión da licenza se produza de maneira telemática.