Feijóo anuncia axudas de 15 millóns de euros que permitirán “a 11.000 núcleos do rural galego e a 250.000 galegos ter acceso a internet”

Mércores 20 de Abril de 2011

Feijóo anuncia axudas de 15 millóns de euros que permitirán “a 11.000 núcleos do rural galego e a 250.000 galegos ter acceso a internet”

Subliña que, se “no ano 2009 tiña acceso a internet o 70% da poboación, “no ano 2013 a cifra será do 83,6%”, quedando pendente un 6% de poboación que dependerá da “tecnoloxía satelital”

Avanza a prórroga dun aval a Construcciones Navales Freire, S.A, que permitirá que o estaleiro teña acceso ao financiamento necesario para rematar a construción dun buque oceanográfico, posibilitando o mantemento de “500 postos de traballo”

Resalta as axudas aos estaleiros da rías de Vigo, como “o aval de 26 millóns de euros para desbloquear en Vulcano un dos grandes buques que se están construíndo en Galicia; os 22 millóns comprometidos na factoría naval de Marín; ou os 5 millóns de Metalships para a construción dun buque multipropósito offshore cunha firma noruega que mantén 300 postos de traballo”

Destaca o acordo de traslado do futuro Rexistro Civil de Vigo ao Casco Vello, unha actuación que mellorará “os servizos dos vigueses, o Casco Vello, e facilitará espazos aos xulgados que neste momento teñen dificultades”

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa posterior ao Consello, a concesión de axudas de 15 millóns de euros que permitirán “a 11.000 núcleos do rural galego, 250.000 galegos, ter acceso a internet”, conforme ao previsto no Plan de Banda Larga 2010-2013.

Neste sentido, Feijóo explicou que o obxectivo pasa por “acabar coas denominadas zonas brancas”, que carecen de acceso a internet e de previsión de telo, para cumprir coa “Axenda Dixital 2014.gal e que no ano 2013 se teña cobertura de internet no territorio” galego.

“Iniciamos –incidiu- unha serie de axudas de 15 millóns de euros mediante concorrencia competitiva para mobilizar un total de 38 millóns de euros de cara a achegar internet ás zonas do rural que carecen nestes momentos desa cobertura”.

Así, segundo explicou o titular do executivo galego, “vanse cumprindo os obxectivos” de tal xeito que, se “no ano 2009 tiña acceso a internet o 70% da poboación, “no ano 2013 a cifra será do 83,6%”, quedando pendente un 6% de poboación que dependerá da “tecnoloxía satelital”, cuxa elección depende do Ministerio de Industria.

Axudas ao sector naval

Por outra banda, Núñez Feijóo resaltou, dentro do diálogo social, a prórroga dun aval a Construcciones Navales Freire, S.A, que permitirá que o estaleiro teña acceso ao financiamento necesario para rematar a construción dun buque oceanográfico, posibilitando o mantemento de “500 postos de traballo”.

Dita actuación se encadra, como explicou Feijóo, na “liña de traballo” emprendida “co sector dos estaleiros galegos” que pasou, en primeiro lugar, pola creación “dunha marca de garantía de calidade para todos os traballos que se fan nos estaleiros”, e en segundo lugar, por “pasar das grandes declaracións as actuación concretas”.

“Temos o compromiso en Ferrolterra –explicou- de que antes de que remate o verán achegaremos ao estaleiro estatal de Navantia a proposta que o Goberno galego fai para a rehabilitación do mesmo, que xa ten indicios preocupantes da falta de pedidos”.

Así mesmo, Feijóo lembrou os “80 millóns de euros investidos” nos estaleiros da rías de Vigo: “Hoxe lle toca a empresa Freire, pero a fortaleza dos estaleiros da ría de Vigo leva sendo un obxectivo de lexislatura. Desbloqueamos, en Vulcano, un dos grandes buques que se están construíndo en Galicia, cun aval de 26 millóns de euros e con mil postos de traballo garantidos. Na factoría naval de Marín, tamén nos comprometemos ata 22 millóns de euros para manter a actuación e a actividade da mesma. En Metalships, outros 5 millóns de euros para a construción dun buque multipropósito offshore cunha firma noruega que mantén 300 postos de traballo”.

Nesta liña, Núñez Feijóo avanzou que a Xunta estuda “un aval para Barreras de 14 millóns de euros”, para o que desexou que “teñamos tamén axuda doutras administracións públicas competentes e con responsabilidade no ámbito da industria”.

1,5 millóns para o Rexistro Civil de Vigo

Por último, o mandatario galego referiuse ao acordo de traslado do futuro Rexistro Civil de Vigo ao Casco Vello, unha actuación que mellorará “os servizos dos vigueses, o Casco Vello, e facilitará espazos aos xulgados que neste momento teñen dificultades”.

Para desempeñar dita actuación, a Xunta vai adquirir “dous inmobles, propiedade do Consorcio do Casco Vello de Vigo, do que o 90% lle corresponde á Xunta de Galicia”. “Imos adquirir un inmoble e un solar e, sobre os mesmos, edificaremos unha nova ubicación para o rexistro civil. A obra, xunto coa adquisición, terá un importe aproximado de 1,5 millóns de euros”.