Feijóo afirma que o Plan de administración e goberno dixitais Horizonte 2020 culminará a dixitalización dos servizos da Xunta a prol dunha Administración sen duplicidades, transparente, aberta e flexible

Luns 16 de Marzo de 2015

Feijóo afirma que o Plan de administración e goberno dixitais Horizonte 2020 culminará a dixitalización dos servizos da Xunta a prol dunha Administración sen duplicidades, transparente, aberta e flexible

Destaca que este plan prestará soporte loxístico a dúas importantes iniciativas de impulso democrático: a Lei de garantía de calidade dos servizos públicos, aprobada no Parlamento, e a Lei de transparencia e bo goberno, en tramitación.

Asevera que o Centro de Proceso de Datos Integral, que tamén visitou, está sentando as bases deste plan, ademais de permitir, unha vez que se consolide, un aforro de tres millóns de euros anuais.

Salienta que, hoxe: os cidadáns poden solucionar a metade dos seus trámites coa Xunta a través da súa sede electrónica, “e queremos que cada vez sexan máis”; estase a comezar coa dixitalización do Rexistro e abriuse a plataforma Pasaxe!, que interconecta os servizos dos concellos galegos, a Xunta e a Administración central.

Resalta o impulso da Plataforma de Licitación Electrónica na Administración local, que xa funciona de xeito piloto no Concello de Santiago e nas deputacións de Pontevedra e Ourense.

Incide en que a modernización da Administración autonómica ten un triplo obxectivo: aforro de tempo para os cidadáns, aforro de papel e aforro de diñeiro público.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que o Plan de Administración e Goberno dixitais, Horizonte 2020 culminará a dixitalización dos servizos da Xunta a prol dunha administración sen duplicidades, transparente, aberta e flexible. Non en van, aseverou que este plan prestará soporte loxístico a dúas importantes iniciativas de impulso democrático: a Lei de garantía de calidade dos servizos públicos, aprobada no Parlamento, e a Lei de transparencia e bo goberno, en tramitación.

“Queremos poñer fin ás duplicidades; que haxa unha Administración única e cohesionada, que lle aforre trabas burocráticas aos cidadáns. Melloraremos a plataforma Pasaxe! e o sistema de Rexistro único, alén de instalar o sistema de notificacións electrónicas. Queremos, co horizonte 2020, que todos os procedementos administrativos se poidan iniciar a través da Internet de tal xeito que os cidadáns poderán obter a través da rede, de xeito inmediato, certificados coma os de discapacidade ou de familia numerosa. E queremos que os galegos leven a Administración no seu teléfono móbil a través da Chave 365”, aseverou.

Durante a inauguración, esta mañá, do I Encontro de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración Electrónica. Un compromiso conxunto para os cidadáns, Feijóo afirmou que o Centro de Proceso de Datos Integral, que tamén visitou, está sentando as bases deste plan, ademais de permitir, unha vez que se consolide, un aforro de tres millóns de euros anuais.

Sobre este último punto, o titular da Executivo autonómico lembrou que toda a estratexia de modernización da Xunta, que redunda no beneficio dos cidadáns, repousa sobre un xigante tecnolóxico que ten cabeza e corazón: “A súa cabeza está no Centro de Xestión de Rede, desde o que se coordina todo o servizo da rede corporativa da Xunta. E o seu corazón, no Centro de Proceso de Datos Integral, desde onde se bombean todos os datos e se dá servizo a todas as extremidades da Administración autonómica, como a xustiza, a educación e a área de benestar. Nel custodiamos todas as historias clínicas electrónicas, as receitas, os servizos de administración electrónica, o Diario Oficial de Galicia ou a documentación xudicial, todo cos estándares máis estritos de seguridade”.

Ao longo da súa intervención, Feijóo lembrou que nestes cinco anos, a relación dos galegos coa súa Administración evolucionou da man das tecnoloxías da información e a comunicación.

Neste sentido, salientou que, hoxe: os cidadáns poden solucionar a metade dos seus trámites coa Xunta a través da súa sede electrónica, “e queremos que cada vez sexan máis”; estase a comezar coa a dixitalización do Rexistro, despois de unificar o sistema de información das súas máis de 500 oficinas; os galegos están cada vez máis informados da acción da Xunta a través da web xunta.es, que recibe máis de seis millóns de visitas ao ano, e das redes sociais, con máis de 600.000 seguidores; abriuse a plataforma Pasaxe!, que interconecta os servizos dos concellos galegos, a Xunta e a Administración central; e estase a impulsar a Plataforma de Licitación Electrónica na Administración local, que xa funciona de xeito piloto no Concello de Santiago e nas deputacións de Pontevedra e Ourense “e que agardamos estender paulatinamente ao conxunto dos municipios”.

Diante destes datos, Feijóo afirmou que os galegos son os españois que máis interactúan coa Administración autonómica.

“Modernizar a propia xestión da Xunta leva sendo unha das prioridades deste Goberno”, incidiu, destacando tamén a sinatura en 2009, coas catro Deputacións e coa Fegamp, do protocolo de cooperación para o desenvolvemento da Administración electrónica; ou a posta en marcha en 2010 do Plan de modernización tecnolóxica da Administración pública.

Así mesmo, referiuse tamén ao impulso das aulas CEMIT; “e practicamente o 100% do noso territorio ten a posibilidade de conectarse á rede”, afirmou.

O responsable autonómico concluíu facendo fincapé en que a modernización da Administración autonómica ten un triplo obxectivo: aforro de tempo para os cidadáns, aforro de papel e aforro de diñeiro público.