Familias e pemes das zonas máis illadas de Galicia xa poden acceder ás axudas da Xunta para contratar Internet vía satélite
Os interesados en acceder a estas subvencións deberán contratar o servizo con algún dos 4 operadores de telecomunicación acreditados pola Xunta como entidades colaboradoras: Duo Telecom, Eurona, Quantis e Terrachá Technology
Sufragaranse con ata 150 euros os gastos de instalación así como o equipamento no interior das vivendas ou empresas (router wifi, etc) e a alta de liña e o primeiro mes serán gratuítos
Esta segunda convocatoria de axudas conta cun investimento de 359.000 euros e facilitará a conexión á rede este ano a case 2.400 fogares e pemes, que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps mediante outra tecnoloxía
Xa está aberto o prazo da segunda convocatoria de axudas para contratar Internet vía satélite destinadas a fogares e pemes das zonas con máis dificultades de cobertura de toda a Comunidade. O programa conta este ano cun investimento de 359.000 euros e permitirá achegar a banda larga a case 2.400 fogares e pemes que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.
Esta medida, que tivo unha primeira convocatoria en 2012 da que se beneficiaron preto de 700 usuarios, é unha das actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta para facilitar o acceso a internet a todos os galegos. O investimento total das axudas é de 1.077.000 euros ata 2014 para dotar de cobertura a máis de 5.400 fogares e empresas das zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.
As axudas serán tramitadas por 4 operadores de telecomunicación, acreditados pola Xunta como entidades colaboradas: Duo Telecom, Eurona, Quantis e Terrachá Technology. *
Beneficiarios e importe das axudas
Os beneficiarios das axudas serán fogares e empresas con enderezo en Galicia que non dispoñan de acceso á Rede, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses.
As entidades colaboradoras ofrecen servizos de internet vía satélite de ata 20Mbps de velocidade de baixada ao abeiro desta convocatoria
A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.
As axudas tramitaranse a través de 4 empresas provedoras do servizo de Internet vía satélite acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta, Duo Telecom, Eurona, Quantis e Terrachá Technoloy. Poderanse sumar novas entidades colaboradoras ata que remate a vixencia das bases (2013-2014).
*Xúntanse contactos das empresas