Familias e pemes das zonas máis illadas da provincia de Ourense xa poden acceder ás axudas da Xunta para contratar Internet vía satélite

Martes 10 de Setembro de 2013

Familias e pemes das zonas máis illadas da provincia de Ourense xa poden acceder ás axudas da Xunta para contratar Internet vía satélite

Os interesados en acceder a estas subvencións deberán contratar o servizo con algún dos 4 operadores de telecomunicación acreditados pola Xunta como entidades colaboradoras: Duo Telecom, Eurona, Quantis e Terrachá Technology

Sufragaranse con ata 150 euros os gastos de instalación así como o equipamento no interior das vivendas ou empresas (router wifi, etc) e a alta de liña e o primeiro mes serán gratuítos

Esta segunda convocatoria de axudas conta cun investimento de 359.000 euros e facilitará a conexión á rede este ano a case 2.400 fogares e pemes, que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps mediante outra tecnoloxía

Ourense foi a segunda provincia que experimentou a maior porcentaxe de poboación con cobertura de Internet grazas ao Plan, pasando dun 58,8% en 2009 a preto dun 98% a día de hoxe

Familias e pemes das zonas con máis dificultades de cobertura da provincia de Ourense poden acceder ata o 30 de setembro ás axudas da Xunta para contratar Internet vía satélite. O programa conta este ano cun investimento de 359.000 euros e permitirá achegar a banda larga a arredor de 2.000 fogares e pemes de toda Galicia que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.

Esta medida, que tivo unha primeira convocatoria en 2012 da que se beneficiaron preto de 700 usuarios (65 na provincia) , é unha das actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta para facilitar o acceso a Internet a todos os galegos. O investimento total das axudas é de 1.077.000 euros ata 2014 para dotar de cobertura a máis de 5.400 fogares e empresas das zonas da comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.

Beneficiarios e importe das axudas

Os beneficiarios das axudas serán fogares e empresas con enderezo en Galicia que non dispoñan de acceso á Rede, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación, así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses.

As entidades colaboradoras ofrecen servizos de Internet vía satélite de ata 20Mbps de velocidade de baixada ao abeiro desta convocatoria. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.

As axudas tramítanse a través de 4 empresas provedoras do servizo de Internet vía satélite acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta, Duo Telecom, Eurona, Quantis e Terrachá Technoloy. Poderanse sumar novas entidades colaboradoras ata que remate a vixencia das bases (2013-2014).

EMPRESA CONTACTO
Duo Telecom web : www.duoteleco.es
Telf: 900 373 514 e 986 866 658
correo electrónico: info@duoteleco.es
Quantis web : http://www.quantis.es e http://www.bandalarga.es/
Telf: 900 102 504
Eurona web: www.eurona.es e http://www.eurona.net/Galicia/
Telf: 900 84 84 04 e 901 444 888
fax: 93 467 05 20
correo electrónico: soporte-operador@eurona.net
Terrachá Technology web : www.terrachatechnology.es
Telf: 800 00 77 03
correo electrónico: terrachatechnology@gmail.com

Máis de 127.000 habitantes da provincia contan con cobertura de Internet grazas ao Plan

Desde a súa posta en marcha en 2010 o Plan de Banda Larga facilitou o acceso a Internet a 127.600 habitantes da provincia dos 134.700 que carecían deste servizo en 2009. Ourense foi a segunda provincia que experimentou a maior porcentaxe de poboación con cobertura de Internet grazas ao Plan, pasando dun 58,8% en 2009 a preto dun 98% a día de hoxe.

Na provincia Ourense hai un total de 3.775 núcleos de poboación dos cales 3.500, están cubertos grazas ao Plan. Ademais, 135.000 habitantes contan con acceso a redes NGAs con velocidades de 100Mbps.

As actuacións desenvolvidas no Plan están a conseguir que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. Así os despregamentos do Plan reduciron a fenda dixital entre as provincias do interior e as do eixo atlántico do 20% existente antes do plan a un 2% en xuño de 2013.