Familias e pemes da zonas máis illadas da provincia da Coruña xa poden acceder as axudas da Xunta para contratar internet vía satélite

Sábado 07 de Setembro de 2013

Familias e pemes da zonas máis illadas da provincia da Coruña xa poden acceder as axudas da Xunta para contratar internet vía satélite

Os interesados en acceder a estas subvencións deberán contratar o servizo con algún dos 4 operadores de telecomunicación acreditados pola Xunta como entidades colaboradoras: Duo Telecom, Eurona, Quantis e Terrachá Technology

Sufragaranse con ata 150 euros os gastos de instalación así como o equipamento no interior das vivendas ou empresas (router wifi, etc) e a alta de liña e o primeiro mes serán gratuítos

Esta segunda convocatoria de axudas conta cun investimento de 359.000 euros e facilitará a conexión á rede este ano a case 2.400 fogares e pemes, que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps mediante outra tecnoloxía

O Plan de Banda Larga facilitou o acceso a Internet a 225.000 habitantes da provincia que carecían deste servizo a principios de 2010

Familias e pemes da zonas con máis dificultades de cobertura da provincia da Coruña poden solicitar ata o 30 de setembro ás axudas da Xunta para contratar Internet vía satélite. O programa conta este ano cun investimento de 359.000 euros e permitirá achegar a banda larga a arredor de 2.000 fogares e pemes de toda Galicia que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.

Esta medida, que tivo unha primeira convocatoria en 2012 da que se beneficiaron preto de 700 usuarios (305 na provincia), é unha das actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta para facilitar o acceso a internet a todos os galegos. O investimento total das axudas é de 1.077.000 euros ata 2014 para dotar de cobertura a máis de 5.400 fogares e empresas das zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.

Beneficiarios e importe das axudas 
Os beneficiarios das axudas serán fogares e empresas con enderezo en Galicia que non dispoñan de acceso á Rede, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses.

As entidades colaboradoras ofrecen servizos de internet vía satélite de ata 20Mbps de velocidade de baixada ao abeiro desta convocatoria. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.

As axudas tramítanse a través de 4 empresas provedoras do servizo de Internet vía satélite acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta, Duo Telecom, Eurona, Quantis e Terrachá Technoloy. Poderanse sumar novas entidades colaboradoras ata que remate a vixencia das bases (2013-2014).

225.000 habitantes da provincia contan con cobertura de Internet grazas ao Plan 
Desde a súa posta en marcha en 2010 o Plan de Banda Larga facilitou o acceso a Internet a 225.000 habitantes da provincia dos 275.000 que carecían deste servizo en 2009. Grazas ao Plan a porcentaxe de poboación con cobertura de Internet na provincia pasou dun 75,50% en 2009 a máis dun 95% a día de hoxe.

Na provincia de hai un total 10.446 núcleos de poboación, dos que xa se cubriron máis de 9.900 (un 94,97%). Ademais, 632.000 habitantes contan con acceso a redes NGAs con velocidades de 100Mbps.