Faite Dixit@l! Inicia mañá a súa anadaina con dúas actividades de capacitación en 18 aulas da Rede CeMIT
Participan en ‘Faite Dixit@l!’ 41 das aulas coas que conta a rede CeMIT na Comunidade autónoma.
Inclúe preto de 140 actividades programadas, con máis de 1.880 prazas.
Contempla, ademais, seminarios con expertos e xornadas para casos de éxito que complementan os contidos das actividades principais.
Está prevista a realización de actividades presenciais onde non hai aula Cemit coa colaboración de colectivos tractores no territorio.
‘Programación para dispositivos móbiles’, cunha duración de 30 horas en horario de mañá, e ‘Innovación Social’, polas tardes e durante 25 horas, son as dúas actividades coas que arrinca mañá, luns 22 de setembro, a iniciativa ‘Faite Dixit@l!’. Este itinerario de capacitación tecnolóxica, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración con Academia Postal e Fundetec, ofrece aos participantes ferramentas para favorecer a súa empregabilidade, potenciar o emprendemento en materia tecnolóxica e a adquisición de novas competencias dixitais.
Nestas dúas primeiras actividades inscribíronse 18 aulas da rede CeMIT, que ofertaron 125 prazas para a súa realización. As actividades serán seguidas polos usuarios a través de multivideoconferencia.
Nas dúas primeiras actuacións de ‘Faite Dixit@l!’, os usuarios inscritos poderán coñecer aspectos básicos e avanzados da programación e uso de dispositivos móbiles -smartphones, tabletas,…- na actividade de mañá, e os fundamentos para o deseño e execución de programas de innovación social no caso da de tarde. O bloque sobre Innovación Social é unha das principais novidades do proxecto ‘Faite Dixit@l!’, co que se busca facilitar a dinamización da actividade profesional dos axentes TIC e os colaboradores da rede CeMIT con formación adaptada ás súas necesidades.
Actividades ata decembro
O proxecto ‘Faite Dixit@l!’ contempla un calendario de actividades ata o mes de decembro, que abrangue bloques temáticos sobre ferramentas web 2.0, estratexias de márketing online e comercio electrónico, uso da identidade dixital e servizos electrónicos das administracións públicas. Ademais, está prevista a realización de dous seminarios de expertos, e dúas xornadas de exposición de casos de éxito e boas prácticas.
Para falar de Innovación Social coas TIC como base deseñouse un ‘PechaKucha’, un modelo de exposición con presentacións creativas de curta duración que propicien o diálogo e o intercambio de ideas. O seu desenvolvemento está previsto para mediados do próximo mes de outubro.
Inscrición gratuíta
A participación é gratuíta, e a inscrición pode realizarse en calquera das aulas da rede CeMIT, onde tamén é posible solicitar máis información. ‘Faite Dixit@l!’ conta ademais con dúas canles en redes sociais para poder seguir o seu desenvolvemento: www.facebook.com/faitedixital e www.twitter.com/faitedixital (@faitedixital) Para estender as actividades de ‘Faite Dixit@l!’ alí onde non chega a rede CeMIT están a pecharse acordos de colaboración con entidades e colectivos tractores que permitirán o seu desenvolvemento de maneira presencial.
As seguintes actividades de ‘Faite Dixit@l!’ programadas serán a segunda quenda do módulo de capacitación sobre ‘Innovación Social’, con inicio previsto o día 1 de outubro, e a de ‘Configuración de dispositivos móbiles’, que dará comezo o 6 de outubro. Este día, ademais, iníciase o prazo para a presentación de traballos ao “Concurso ‘Faite Dixit@l!’ de aplicacións para dispositivos móbiles’”, que contempla un premio tecnolóxico para o gañador.