Expertos europeos en turismo asistirán ao congreso de clausura do Proxecto I-Speed que se celebrará en setembro en Santiago

Sábado 28 de Xullo de 2012

Expertos europeos en turismo asistirán ao congreso de clausura do Proxecto I-Speed que se celebrará en setembro en Santiago

A Secretaría Xeral para o Turismo organiza esta iniciativa que concentrará a responsables políticos e directivos do sector procedentes de nove países europeos

O I-Speed é un proxecto europeo centrado na transferencia de boas prácticas na aplicación das novas tecnoloxías no sector turístico

Santiago de Compostela acollerá a partir do próximo día 20 de setembro o congreso de clausura do proxeto I-Speed. Information Society Policies for Sustainable European Economic Developpement, unha iniciativa cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Interreg IV-C na que participa Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Turismo, xunto con outros nove socios de nove países europeos.

Ao longo do día 20 de setembro, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, preto de cincuenta representantes políticos e membros dos órganos de promoción turística de Venecia –cidade que lidera este proxecto-; o condado de Hedmark, en Noruega; Varsovia en Polonia; a rexión de Creta; o condado de Powys, no Reino Unido; Bucarest, en Rumanía; a provincia de Roma, en Italia, a Asociación Nacional de Municipalidades da República de Bulgaria –NAMRB-; a comunidade urbana de Nantes, en Francia, e tamén Galicia, reuniranse para analizar as mellores prácticas europeas na aplicación de novas tecnoloxías no sector turístico, co obxectivo de favorecer a súa transferencia e a implantación en novos destinos. Entre esas prácticas, a Secretaría Xeral para o Turismo presentou a Central de Reservas On-line de Turismo Rural de Galicia, unha ferramenta informática para a xestión das reservas dos establecementos rurais de Galicia. Dende o mes de abril de 2010 ata o momento actual téñense xestionado reservas por un importe de 1.218.645,27 euros, correspondendo coa contratación de 39.621 noites de aloxamento. A páxina da central on-line está habilitada para funcionar en oito idiomas diferentes –español, galego, portugués, inglés, francés, alemán, italiano e catalán), o que facilita a comunicación directa cos potenciais clientes da maioría dos países do mundo. A esta plataforma adheríronse 309 casas de turismo rural de Galicia, o que representa un 51,85% das existentes na Comunidade Autónoma.

Dentro do programa desenvolvido polo I-Speed, nos últimos dous anos leváronse a cabo sucesivas reunións nas que se abordaron diversas accións relacionadas co intercambio de experiencias no ámbito das TIC, identificación e análise de boas prácticas, transferencia de coñecemento e deseño de estratexias. Esas reunións previas suscitaron xa algúns casos de transferencia entre os socios, como ten sucedido por exemplo co Condado de Powys, que adoptou dúas boas prácticas levadas a cabo por Hedmark.

Galicia inspirouse en Varsovia apra a mellora da páxina web de Turgalicia, mentres que o propio condado de Hedmark está estudando a posibilidade de implantar o sistema de reserva on-line para establecementos de turismo rural deseñado por Galicia.

Coa celebración deste congreso e a posta en común dos distintos casos, os dez socios poñen un punto e final a un proxecto que, sen embargo, ten permitido artellar certos mecanismos que garantan a continuidade da colaboración establecida entre eles. O congreso está aberto ao público interesado en xeral e dirixido especialmente aos representantes políticos e empresas do sector turístico.

Proxecto I-Speed

O obxectivo último deste programa consiste en incrementar a eficiencia das políticas rexionais e locais relacionadas coa sociedade da información e o desenvolvemento económico a través do intercambio de experiencias e a transferencia de boas prácticas no uso eficiente dos servizos baseados nas TIC para fomentar a competitividade e a sostenibilidade da economía turística.

Entre os seus obxectivos específicos contémplase propiciar o desenvolvemento e adopción de servizos públicos baseados nas TIC e ferramentas on-line, asegurando a innovación na xestión e o crecemento da produtividade na economía do turismo. Así mesmo, pretende fomentar a cooperación entre o sector público e privado no marco da economía do turismo e fomentar o atractivo económico das rexións da UE, e apoiar a adaptación de políticas rexionais e locais cara a cambios económicos máis importantes.