Expertos da Comisión Europea analizan en Santiago o Programa Voluntariado Dixital da Xunta como exemplo de inclusión social a través das TIC
Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo fomentar a aprendizaxe mutua entre países través da difusión de boas prácticas
O evento contará coa participación de representantes de 10 entidades de 7 países europeos: Bélxica, República Checa, Polonia, Romanía, Suecia, Reino Unido e Portugal
Durante a xornada presentaranse 5 experiencias de boas prácticas de inclusión dixital en Galicia desenvolvidas dentro do programa
O Programa de Voluntariado Dixital, promovido pola Amtega e a Consellería de Traballo, conta con 400 entidades e voluntarios adscritos
O próximo 25 de marzo, o Programa Voluntariado Dixital, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, será obxecto dun peer review como exemplo de boa práctica en materia de inclusión social a través das TIC.
O Peer Review, que será clausurado pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato e a directora da Amtega, Mar Pereira, ten como obxectivo a avaliación e análise do proxecto de Voluntariado Dixital, para que os responsables da Administración autonómica poida coñecer as opinións e experiencias dos seus homólogos europeos en materia de inclusión dixital e recoller as súas achegas de face deseñar e implementar novas liñas de actuación neste ámbito.
Seminarios Peer Review
Os seminarios Peer Review ou avaliacións por pares son unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea para difundir entre os países membro iniciativas e proxectos de interese en determinados ámbitos para fomentar a aprendizaxe e o intercambio de información a través da avaliación e a análise crítica por parte de expertos nesa materia. Este método supón que o Estado membro, cuxa iniciativa resultou elixida, organiza un seminario no seu territorio ao que convida a representantes doutros países.
Neste caso, enviouse un documento explicativo do programa VOLDIX e foi analizado pola experta Ellen J. Helsper, da London School of Economics and Political Science, a cal preparou un documento de discusión que será analizado no seminario. LSE, pertencente á Universidade de Londres, está recoñecida como unha das mellores universidades do mundo en ciencias sociais.
Así mesmo, os Estados membro e os grupos de interese europeos invitados ao seminario, elaboraron informes de opinión que se engaden ao documento da experta.
Representantes da Comisión Europea e países participantes
O seminario contará coa participación dunha representante da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea, Emanuela Tassa; de Clara Centeo, do Join Research Centre da Comisión Europea, que s falará do proxecto “Innovación Social mediante o uso das TIC para a implantación do Paquete de Investimento Social (SIP) da Comisión Europea e de David Sinclair, da Platform Europe AGE (Plataforma Europea IDADE), que abordará a exclusión dixital e persoas maiores desde unha perspectiva europea comparada.
Programa de Voluntariado Dixital
Esta iniciativa, posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Traballo e Benestar , ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías á unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.
Desde a súa posta en marcha adheríronse ao programa máis de 340 voluntarios dixitais e 78 entidades (41 son entidades do sector social, 23 do sector TIC privado que actúan como mecenas dixitais, e 14 organismos estratéxicos dos ámbitos social e tecnolóxico. Máis de 4.300 persoas beneficiáronse das actividades do programa.