En menos de dous anos máis de 63.000 fogares galegos se deron de alta en Internet grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

Xoves 16 de Agosto de 2012

En menos de dous anos máis de 63.000 fogares galegos se deron de alta en Internet grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

O obxectivo do Plan, posto en marcha en 2010, é dotar de conexión á rede a toda Galicia a finais de 2013

Desde 2010 reducíronse en 490.000 os galegos que carecían de cobertura respecto ao inicio do Plan

Aínda quedan 296.000 galegos sen acceso á rede aos que se posibilitará o acceso a este servizo coas actuacións postas en marcha

Este ano lanzouse a última liña do Plan, unha convocatoria de axudas de 1 millón de euros para dotar de cobertura vía satélite aos habitantes das zonas máis illadas

A Amtega ten en marcha un programa de axudas para que as familias con menos recursos poidan contratar o servizo de Internet no fogar

En menos de dous anos máis de 63.000 fogares galegos se deron de alta en servizos de Internet grazas ás actuacións do Plan de Banda Larga 2010-2013, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Desde o inicio dos despregamentos contemplados no Plan e ata o primeiro trimestre deste ano producíronse unha media 150 altas ao día no servizo de banda larga, o que supón que preto de 400 galegos poidan acceder á Rede. Estes datos poñen de manifesto a boa acollida dunha das iniciativas tecnolóxicas máis relevantes da Xunta para reducir a fenda dixital e impulsar o acceso ás redes máis modernas de telecomunicación.

O obxectivo do Plan é dotar de cobertura a toda Galicia en 2013. Con esta finalidade xa están en marcha todas as accións previstas no plan, priorizando o ámbito rural galego e impulsando ao mesmo tempo a extensión das redes de telecomunicación máis punteiras con velocidades de 100Mbps.

Un 61% máis de galegos con cobertura

A día de hoxe,son xa arredor de 490.000 os galegos que poden acceder á internet de calidade e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. Isto supón reducir en preto dun 61% a porcentaxe de galegos sen cobertura antes do inicio do Plan. Os despregamentos do Plan xa permitiron que o 90% dos galegos teña acceso a Internet fronte ao 70% de 2009.

A posta en marcha destas iniciativas conseguiu reducir a fenda dixital entre as provincias atlánticas e as do interior ata o 3,8%. Antes do Plan era do 15%.

Solución satelital para as zonas máis illadas

Para chegar ás zonas máis illadas, dispersas e de orografía complicada, o Plan contempla a cobertura vía satélite. É a quinta e última actuación do Plan que se puxo en marcha este ano a través dunha convocatoria de axudas publicada a principios do pasado mes de xullo.

A Xunta, a través da Amtega e Agader investirá 1 millón de euros ata 2014 para facilitar a conexión a internet a máis de 2.100 familias e empresas situadas en Galicia que non poidan dispor de acceso de banda larga, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. Sufragaranse con ata 500 euros os gastos de instalación e equipamento do usuario para poder conectarse á rede a través de satélite. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.

Axudas para as familias con rendas máis baixas

O elevado custo da conexión é a terceira causa aducida en Galicia para non contratar o servizo de Internet no fogar. Por iso a Amtega puxo en marcha un programa de axudas  para que as familias galegas con menos recursos económicos poidan contratar a conexión a Internet nos seus fogares.

O orzamento do programa para 2012 é superior aos 570.000 euros e están dirixidas a familias residentes en Galicia, que teñan unha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 € e que soliciten unha nova alta de acceso aos operadores R e Telefónica como entidades colaboradoras na iniciativa. Para poder acceder á subvención, será condición obrigatoria que no domicilio non houbese contratada ningunha conexión a Internet no momento de efectuar a solicitude nin polo menos nos tres meses anteriores á publicación da convocatoria de axudas.

O programa establece a concesión dunha única subvención por unidade familiar do 40% do custe da tarifa mensual de conexión a Internet a partir do segundo mes de servizo e ata completar un ano, cunha contía máxima de 180€ e condicionado á permanencia no servizo durante ese período. A alta de liña e o importe dunha cuota mensual será asumido pola entidade colaboradora.