Economía e Industria traballa na elaboración dunha normativa para facilitar o desenvolvemento de proxectos experimentais no eido das enerxías renovables

Mércores 19 de Maio de 2010

Economía e Industria traballa na elaboración dunha normativa para facilitar o desenvolvemento de proxectos experimentais no eido das enerxías renovables

Javier Guerra inaugurou a xornada técnica: “Alternativas de Mercado ante a situación actual: Enxeñería Oceánica” que organiza a delegación territorial en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de España (COIN)

A Consellería de Economía e Industria está a traballar na elaboración dunha normativa que inclúe a identificación na costa galega dunha “zona experimental”, para que as empresas poidan desenvolver as súas novas tecnoloxías enerxéticas relacionadas co aproveitamento de enerxías como a mareomotriz e a undimotriz

“O Goberno galego aposta decididamente polo desenvolvemento e implantación das enerxías renovables; das máis asentadas como a eólica, e tamén das que se atopan en fases experimentais”

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia está a traballar na elaboración dunha normativa de carácter territorial, encamiñada a regular todos os proxectos experimentais no eido da enerxía e a utilización dos mesmos na xeración de electricidade, a través da utilización de fontes renovables, como o mar.

Guerra fixo estas declaracións na xornada técnica: “Alternativas de Mercado ante a situación actual: Enxeñería Oceánica”, que a delegación territorial en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de España (COIN) celebrou na Sala Igape do stand da Consellería de Economía e Industria, en Navalia.

O conselleiro sinalou que “Navalia é o mellor contexto posible para desenvolver este tipo de xornadas, xa que a envergadura da feira fai de Galicia un lugar de encontro obrigado para as empresas navais máis importantes do mundo, e desta xornada técnica, sobre o aproveitamento do mar, un foro privilexiado para expor, debater e analizar o futuro do sector”.

Neste encontro, expuxéronse cuestións relacionadas coa situación do mercado da industria naval, as oportunidades de negocio no sector, a importancia do desenvolvemento das enerxías renovables no naval ou o potencial que presenta o aproveitamento sustentable do mar.

Pola súa banda, o conselleiro lembrou que “a situación económica actual presenta numerosos retos e fai imprescindible aumentar a competitividade das empresas ofrecendo produtos novos, diferenciados tecnoloxicamente do resto, e adecuados ás novas necesidades de explotación do negocio marítimo e dos recursos do mar”.

Neste eido, a enerxía undimotriz e a mareomotriz, aínda en fase experimental, e o desenvolvemento dos sistemas que transforman a enerxía mecánica das ondas ou as mareas en enerxía eléctrica, podería supor unha oportunidade a longo prazo para Galicia. De xeito que Guerra apuntou que “o desenvolvemento nas próximas décadas deste tipo de sistemas permitiría a Galicia incrementar a súa taxa de autoabastecemento enerxético; sempre que este proceso se leve a cabo desde o respecto máis escrupuloso ao medio e a prol do fortalecemento da economía galega”.

O responsable de Economía e Industria da Xunta salientou que “o Goberno galego aposta decididamente polo desenvolvemento e a implantación das enerxías renovables; das máis asentadas, como a eólica, e tamén das que se atopan nas fases máis experimentais do seu desenvolvemento, como a undimotriz”.

De tal xeito, a Consellería de Economía e Industria está a traballar na elaboración dunha normativa de carácter territorial, elaborada co consenso de todos os sectores económicos e sociais implicados. Esta iniciativa está orientada a regular todos os proxectos experimentais e a utilización dos mesmos, na xeración de electricidade a través de fontes renovables como é o caso do mar.

Este proxecto inclúe a identificación dunha localización na costa galega, dotada coas infraestruturas necesarias de evacuación eléctrica, co fin de declarala “zona experimental”, para que as empresas poidan desenvolver as súas novas tecnoloxías enerxéticas relacionadas co aproveitamento de enerxías como a mareomotriz ou undimotriz . Ademais, estes proxectos poderían representar unha alternativa de cara ao afianzamento de sectores económicos como o naval galego, cuxo coñecemento e ampla experiencia facilitaría o posible aproveitamento do mar como fonte enerxética.