Economía e Industria sitúa o proxecto MOBI2GRID como exemplo de iniciativa tractora para Galicia no ámbito da innovación

Martes 15 de Febreiro de 2011

Economía e Industria sitúa o proxecto MOBI2GRID como exemplo de iniciativa tractora para Galicia no ámbito da innovación

O director xeral de I+D+I da Xunta de Galicia asistiu en Porto á presentación da Proba Piloto de Mobilidade Eléctrica na Eurorrexión, liderada polo CTAG

Capilla lembrou que o Plan i2C reforza as capacidades dos centros tecnolóxicos para facilitar a transferencia de coñecemento ao sector produtivo e que este se traduza en crecemento económico

O proxecto MOBI2GRID situará a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como territorio pioneiro na adopción da mobilidade eléctrica baseada en fontes de enerxías renovables e limpas

A Consellería de Economía e Industria apoia decididamente o proxecto ‘MOBI2GRID’, dirixido á creación das condicións necesarias para a implantación dun sistema de mobilidade eléctrica integrado e interconectado na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a través da concepción, desenvolvemento, demostración e proba piloto con vehículos eléctricos. Por este motivo, o director xeral de I+D+I da Xunta de Galicia, Ricardo Capilla, desprazouse a Porto para abrir o acto de presentación desta iniciativa, liderada polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).

Durante a súa intervención, Capilla asegurou que a ‘Proba Piloto de Mobilidade Eléctrica na Eurorrexión’ (MOBI2GRID) “é un claro exemplo de iniciativa tractora para Galicia no ámbito da innovación, demostrando na práctica o papel que os centros tecnolóxicos deben cumprir como facilitadores da transferencia de coñecemento ás empresas, dotándoas así dunha vantaxe competitiva clave”. Neste sentido, o director xeral de I+D+I lembrou que o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (i2C) incentiva a relación entre os centros de coñecemento e as empresas, promove os proxectos de cooperación entre os axentes do Sistema Galego de I+D+I e aposta pola colaboración entre entidades da Eurorrexión para aproveitar ao máximo os recursos de financiamento comunitarios.

A Xunta de Galicia traballa por implantar un modelo avanzado de mobilidade eléctrica en Galicia impulsando a investigación e a innovación no ámbito dos vehículos eléctricos e dos seus compoñentes, así como das infraestruturas e dos sistemas e dispositivos externos asociados. “O proxecto MOBI2GRID situará a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como territorio pioneiro na adopción da mobilidade eléctrica baseada en fontes de enerxías renovables e limpas”, expuxo, lembrando ademais que o novo Plan i2C contempla un programa sectorial específico para o transporte e outro para a enerxía, nos que as tecnoloxías para a redución de emisións e a busca de alternativas aos combustibles fósiles son obxectivos estratéxicos.

Cofinanciado pola Xunta

O ‘MOBI2GRID’, impulsado e desenvolvido polo CTAG en colaboración co Centro para a Excelência e Inovação na Indústria Automóvel (CEIIA), conta co soporte económico do Programa Operacional de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) da Unión Europea, cofinanciado pola Xunta de Galicia.

O seu obxectivo prioritario é realizar unha proba piloto sobre a mobilidade eléctrica na Eurorrexión, que permita monitorizar as actividades máis relevantes de electromobilidade dentro e fóra deste territorio; estudar escenarios futuros de evolución tecnolóxica, identificando oportunidades e ameazas; definir prioridades e necesidades de I+D para o desenvolvemento da electromobilidade na Eurorrexión; fomentar a realización de actividades de innovación neste ámbito; e difundir os beneficios dunha mobilidade máis sustentable e respectuosa co medio ambiente.

Este proxecto é a continuación do ‘MOBI_ONE’, no que se analizaron diferentes tecnoloxías involucradas no deseño e desenvolvemento de novos vehículos eléctricos. Un dos principais resultados deste proxecto é precisamente un prototipo onde se incorporaron boa parte das tecnoloxías obxecto do proxecto.

O CTAG é un centro tecnolóxico de referencia a nivel europeo no que a eléctronica de automoción se refire. Ademais, ten en curso unha importante ampliación de instalacións e recursos, en colaboración coa Xunta de Galicia, enfocados á mobilidade eléctrica e que permitirá desenvolver todo tipo de tecnoloxías relacionadas con este tipo de vehículos.