Economía e Industria respalda con presenza institucional a presentación do Campus do Mar na Comisión Europea
O Plan I2C da Xunta contempla unha liña de actuación específica de soporte ao proxecto da Universidade de Vigo baixo a denominación ‘Un mar de innovación’
O director xeral de I+D+i aproveitará a viaxe a Bruxelas para manter contactos ao máis alto nivel co obxectivo de explorar vías de desenvolvemento de proxectos de alto impacto liderados por empresas galegas
A Consellería de Economía e Industria respalda a presentación do proxecto Campus do Mar da Universidade de Vigo ante a Comisión Europea (CE) coa presenza do director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, na delegación institucional que parte cara a Bruxelas mañá martes. Capilla aproveitará tamén a viaxe para manter contactos ao máis alto nivel co obxectivo de explorar vías de desenvolvemento de proxectos de alto impacto liderados por empresas galegas.
O compromiso da Xunta co Campus do Mar está expresamente recollido no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) 2011-2015. Un dos seus dez eixos estratéxicos céntrase no soporte a proxectos singulares en tres áreas, unha delas a denominada ‘Un mar de innovación’, especificamente dirixida a colaborar coa Universidade de Vigo neste ambicioso proxecto. O reitor da institución académica, Salustiano Mato, estará acompañado polo director xeral de I+D+i na presentación que realizará o mércores ante o director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da CE, Ernesto Penas. O xoves, a delegación galega será recibida polo director do Programa de I+D da Dirección Xeral de Política Rexional para España, Antonio García.
O apoio do i2C ao Campus do Mar enmárcase na súa aposta polo desenvolvemento de proxectos de alto impacto en ámbitos de coñecemento estratéxicos para Galicia a través de sinerxias entre os axentes do Sistema de I+D+i. Mediante a liña de actuación ‘Un mar de innovación’, a Xunta quere contribuír a converter o Sistema Galego de I+D+i vinculado ao mar nun dos sistemas de referencia a nivel mundial no seu ámbito; dinamizar e potenciar a participación das empresas galegas con carácter tractor en programas colaborativos de I+D+i no sector; xerar proxectos innovadores altamente competitivos sobre o mar; e, como consecuencia de todo isto, acadar un nivel de competitividade e internacionalización óptimo das capacidades galegas relativas á I+D+i do mar, ademais de transferir as mellores prácticas identificadas a partir desta experiencia a outros sectores de coñecemento e actividade produtiva.
Proxectos de alto impacto
A maiores do apoio institucional á presentación do Campus do Mar en Bruxelas, o director xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria levará a cabo contactos ao máis alto nivel para explorar vías de financiamento e desenvolvemento de proxectos de innovación de alto impacto liderados por empresas galegas.
Tal e como lles trasladou o pasado venres o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, aos representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), este tipo de iniciativas son unha prioridade para o Plan i2C promovido polo seu departamento, dado o seu potencial en termos de competitividade e crecemento económico para Galicia. As xestións de Capilla centraranse en facilitar e intensificar o compromiso da Unión Europea con iniciativas que impliquen a participación de varias empresas galegas para poder acceder a instrumentos de financiamento nos que a elevada dimensión das propostas e do investimento asociado a elas é requisito indispensable, como é o caso do Fondo Tecnolóxico Europeo e das liñas do Sétimo Programa Cadro de I+D da UE.
A Consellería de Economía e Industria prevé homologar axentes intermedios especializados na identificación e xestión deste tipo de proxectos, pero tamén subvencionar parcialmente os custos de preparación destes e mesmo achegar financiamento adicional en forma de préstamos participativos ou capital risco a aquelas empresas que lideren proxectos de Fondo Tecnolóxico de alto impacto e risco tecnolóxico, con medidas similares de apoio a proxectos destinados ao VII Programa Marco Comunitario de I+D+i (2007 - 2013) e ao Programa Europeo de Competitividade e Innovación.