Economía e Industria promove a internacionalización, a innovación e a cooperación como fórmulas para dinamizar a actividade empresarial

Venres 29 de Outubro de 2010

Economía e Industria promove a internacionalización, a innovación e a cooperación como fórmulas para dinamizar a actividade empresarial

O director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, salientou a aposta da Xunta para acelerar a proxección exterior da economía galega na inauguración do X Foro da Asociación Española de Agencias de Desarrollo Regional

Os responsables das ADR españolas debaten en Galicia alternativas para concretar o seu modelo de futuro, para optimizar os servizos e apoios que prestan a empresas e emprendedores

O encontro acolleu ademais debates sobre a xestión de innovación como reto da transformación empresarial ou a planificación dos procesos de internacionalización de alta competitividade

Durante a súa intervención na inauguración do X Foro da Asociación Española de Agencias de Desarrollo Regional (ADR), que se está a celebrar en Santiago, o director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, destacou o compromiso da Xunta de Galicia para promover, a través da Consellería de Economía e Industria, a innovación, a mellora da competitividade e a aceleración do proceso de internacionalización como fórmulas idóneas para dinamizar a actividade empresarial e consolidar os avances cara á recuperación. Tamén destacou o valor da cooperación, entre empresas ou entre entidades como as ADR, para avanzar nesa mesma liña.

Joaquín Varela destacou a importancia do encontro de ADR e os debates e reflexións que acollerá para localizar e aplicar os servizos e instrumentos de apoio máis adecuados para dinamizar a actividade empresarial. “Do mesmo modo que debemos promover a innovación empresarial, temos que procurar actualizar e optimizar os nosos servizos e liñas de apoio”, dixo, e engadiu: “Só así poderemos cumprir o noso cometido de forma satisfactoria; so así seguiremos sendo indispensables para dinamizar a actividade económica”.

Tras recoñecer que as axencias de desenvolvemento rexional están obrigadas a innovar de forma constante, considerou que unha forma axeitada de facelo é mediante a posta en común de ideas, reflexións e proxectos en encontros como o que se desenvolve na capital galega. “Porque os cambios máis significativos sempre nacen dos esforzos colectivos”, indicou.

Varela considerou que unha das rutas obrigadas será a de apoiar a internacionalización das empresas, un compromiso que a Xunta xa sumiu, que se desenvolverá a través dun Igape redefinido e reformado e seguindo unha estratexia baseada en catro principios indispensables: “a colaboración, como activo inescusable; a procura da complementariedade entre os diferentes actores implicados; a definición consensuada de obxectivos comúns, a través do Consello Galego de Internacionalización, e o compromiso do manter o incremento dos orzamentos destinados a este obxectivo”.

Antes da inauguración do X Foro de ADR, os douscentos empresarios asistentes tiveron oportunidade de asistir a relatorios e debates sobre asuntos como a xestión da innovación como reto da transformación empresarial ou a planificación dos procesos de internacionalización de alta competitividade, temas incluídos entre as prioridades marcadas pola Consellería de Economía e Industria.

As Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR) españolas integradas na Asociación Española de ADR, entre as que se encontra o Igape, celebran na capital de Galicia o décimo aniversario da súa creación, nun encontro co que se busca concretar o modelo futuro destas entidades, optimizando os servizos e apoios que prestan as empresas e aos emprendedores.