Economía e Industria promove a implantación de puntos de recarga a prol da mobilidade eficiente na cidade da Coruña

Mércores 26 de Xaneiro de 2011

Economía e Industria promove a implantación de puntos de recarga a prol da mobilidade eficiente na cidade da Coruña

A Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, financiou o 40% do proxecto para a instalación de 30 puntos de recarga na cidade da Coruña

Javier Guerra apuntou que a Xunta é a principal promotora do desenvolvemento de infraestruturas que faciliten a posta en marcha da estratexia de Mobilidade Eléctrica de Galicia, liderada polo Goberno autonómico

O conselleiro de Economía e Industria destacou que a liña de apoio á compra ou transformación de vehículos eficientes do plan re-Móvete Integral para a industria da automoción posibilitou que uns 135 vehículos deste tipo circulen polas rúas da Coruña

Guerra adiantou que o Goberno da Xunta prevé continuar apoiando o desenvolvemento da mobilidade eficiente no concello da Coruña, facendo un esforzo orzamentario

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, sinalou hoxe que “o Executivo galego traballa para evitar que a ausencia de infraestruturas, é dicir a falta de puntos de recarga dos vehículos eléctricos, poida converterse nun obstáculo para a súa implantación”, de xeito que “a Consellería de Economía e Industria converteuse na principal promotora no proceso de desenvolvemento de infraestruturas que faciliten a posta en marcha dun novo modelo de mobilidade para Galicia”

Guerra fixo estas declaracións na inauguración dos puntos de recarga instalados na cidade da Coruña, un proxecto que contou cun financiamento da Consellería de Economía e Industria, a través do Inega, do 40% do proxecto para a instalación de 30 puntos de recarga, actuación que se enmarca dentro do programa de aforro e eficiencia enerxética deste departamento.

O conselleiro apuntou que “o Goberno da Xunta de Galicia traballa actualmente para pór en marcha a transformación cara a un modelo de mobilidade sustentable, baixa en CO2, baseada nos vehículos de tracción eléctrica”, ao abeiro da estratexia de Mobilidade Eléctrica de Galicia, coordinada dende a Mesa de Fomento de la Mobilidade Eléctrica de Galicia.

A devandita estratexia espállase a todo o territorio, concedendo ás principais cidades galegas un papel protagonista, e ten como un dos seus obxectivos prioritarios electrificar as principais vías de comunicación de Galicia. De feito, a Xunta xa ten definida unha rede primaria de infraestruturas de recarga para o vehículo eléctrico en Galicia, que contará con medio milleiro de puntos de abastecemento distribuídos por toda a xeografía galega, presentes nos ámbitos interurbanos, a través das gasolineiras, e tamén promocionará o desenvolvemento de estacións multifuncionais de electromobilidade demostrativas, nas sete cidades galegas.

Ademais, Javier Guerra destacou que, desde o Goberno da Xunta, apoiase “o liderado das principais cidades galegas neste proceso de transición cara a unha mobilidade sustentable e eficaz, desde o punto de vista enerxético e económico”.

Neste sentido, engadiu que, nesta lexislatura, a liña de apoio á compra ou transformación de vehículos eficientes do plan re-Móvete Integral para a industria da automoción, da Consellería de Economía e Industria, posibilitou que uns 135 vehículos deste tipo circulen polas rúas da Coruña, ao mesmo tempo que adiantou que o Goberno autonómico prevé continuar apoiando o desenvolvemento da mobilidade eficiente no concello da Coruña, facendo un esforzo orzamentario neste sentido.