Economía e Industria promove a formación e contratación de 50 xestores de innovación en pemes para aumentar a competitividade da economía galega

Mércores 16 de Decembro de 2009

Economía e Industria promove a formación e contratación de 50 xestores de innovación en pemes para aumentar a competitividade da economía galega

A iniciativa, primeira acción do Programa para o Impulso da Innovación das Pemes Galegas promovido por Economía e Industria e extensible no tempo, conta cun orzamento de 5 millóns de euros. A Consellería de Economía e Industria financiará o adestramento destes técnicos para convertelos en expertos na xestión de proxectos innovadores e daralles facilidades ás empresas para a súa contratación. Agárdase que as empresas que participen neste proxecto acaden un incremento do investimento en innovación dun 30%; un 50% máis de proxectos presentados a convocatorias competitivas de plans autonómicos, estatais e internacionais; e un aumento da facturación ligado á explotación dos resultados dos proxectos.

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra Fernández, e o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla Pueyo, presentaron hoxe en Santiago o proxecto de creación da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA), pioneiro en España. Esta rede será o resultado dun programa piloto de formación de técnicos especialistas en materia de I+D+i e a súa incorporación a 50 pemes galegas. A Dirección Xeral de I+D+I farase cargo do adestramento de 50 profesionais -previamente seleccionados a través dun proceso competitivo- para convertelos en expertos na xestión de proxectos innovadores e cofinanciará os seus custos laborais durante os seus primeiros tres anos como parte do persoal das pemes beneficiarias.

As pequenas e medianas empresas participantes nesta primeira acción do Programa para o Impulso da Innovación das Pemes Galegas promovido por Economía e Industria recibirán axudas importantes para facerlle fronte aos gastos derivados da contratación destes expertos, que se materializarán no 70% do custo laboral o primeiro ano, o 50% o segundo, e o 30% o terceiro, sempre coa limitación máxima de 30.000 euros anuais en concepto de axuda.

Desta maneira, a Xunta quere contribuír ao financiamento destes novos postos de traballo nas pemes durante a súa etapa de consolidación, co obxectivo de aliviar os custos da empresa ata o punto no que se comecen a producir retornos do investimento nos proxectos de innovación xestionados por estes expertos. O orzamento total para abordar esta actuación ascende a 5 millóns de euros.

As expectativas do programa contemplan que as empresas contratantes de profesionais da Rede XIGA teñan acadado ao remate de 2012 un incremento do investimento en innovación dun 30%; un 50% máis de proxectos presentados a convocatorias competitivas de plans autonómicos, estatais e internacionais; e un aumento da facturación ligado á explotación dos resultados dos proxectos.

Fortalecer a economía galega 
Mediante esta iniciativa, a Xunta trascende as accións de cofinanciamento de proxectos concretos de I+D+I empresarial –que seguirán estando vixentes- para abordar o soporte á incorporación nas pemes de capital humano especializado na xestión destes proxectos. O obxectivo é capacitar ás empresas para convertelas nas principais promotoras do aumento da súa competitividade a través de recursos propios.

A Consellería de Economía e Industria pon en macha esta iniciativa no marco do paquete de medidas deseñadas para invertir a tendencia negativa que experimentou o gasto privado en I+D entre 2007 e 2008, cun descenso do 8,7%, segundo datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Ante a realidade de que as pemes son o músculo principal da estrutura económica galega e de que para saír da crise cun posicionamento sólido e competitivo no novo escenario económico a clave está na innovación, buscouse unha actuación de efectos sostidos no tempo e que sexa extensible no futuro a máis empresas. Este programa é un anticipo das liñas de traballo que serán priorizadas no novo Plan Galego de I+D+I, en fase de deseño, e na nova Axencia Galega de I+D+I, que se porá en marcha durante o ano 2010.

Traballo en rede  
Ao longo do mes de xaneiro de 2010 procederase á selección dos candidatos a xestores expertos en innovación, que deberán posuír unha titulación superior; ter experiencia previa ou formación no eido da I+D+i; e contar con dominio do inglés e habilidades en TIC.

A continuación, durante os meses de febreiro e marzo de 2010, terá lugar o programa de formación intensiva dos 50 candidatos seleccionados con 320 horas de sesións presenciais sobre temas relacionados coa xestión da innovación (sistemas de xestión da I+D+I, xestión administrativa e económica de proxectos de I+D+I, novas tecnoloxías, vixilancia tecnolóxica, fiscalidade da innovación, xestión da calidade, etc.).

Paralelamente, desenvolverase unha convocatoria pública para pemes, a través da que as empresas interesadas en integrar no seu cadro de persoal a un xestor da innovación no marco deste programa deberán presentar a súa solicitude. Os requisitos que debe cumprir a empresa para poder participar nesta acción son: reunir a condición de peme (menos de 250 empregados); atoparse ao corrente en todas as súas obrigas fiscais; e ter experiencia previa en iniciativas de I+D+i e/ou plans en firme de abordalas nun futuro inmediato.

A incorporación laboral dos xestores de innovación nas 50 pemes beneficiarias do programa terá lugar durante o segundo trimestre do 2010, co apoio financeiro da Consellería de Economía e Industria desde a primeira nómina. Estes profesionais traballarán en cadansúa empresa con total autonomía, pero serán obxecto de seguimento xunto coa actividade innovadora da peme, co fin de garantir o axeitado aproveitamento dos recursos do programa. Desde o principio, todos os xestores contarán co soporte da Rede XIGA a través da plataforma online que lle dará soporte. Esta plataforma, deseñada con base nas ferramentas 2.0 dispoñibles en internet (redes sociais, foros, repositorios de documentos e todos os recursos dispoñibles para compartir e interactuar), servirá para a continua actualización de coñecementos, a posta en marcha de ideas e proxectos que impliquen a cooperación de varias empresas, o intercambio de experiencias, etc.

A continuidade da axuda estará supeditada á presentación de resultados tanxibles ao remate do primeiro ano. Estes resultados mediranse tomando como referencia o número de proxectos de I+D+i identificados, o número de proxectos realizados e en execución e os resultados acadados grazas a estes.